Tenda solidaria a favor de ADACECO, Espazo +60 A Coruña
Do 4 de decembro ata o 4 de xaneiro estará aberta a tenda solidaria do Espazo +60 Afundación de A Coruña, cuxos beneficios, este ano, se dedicarán a ADACECO (Asociación de Dano Cerebral Adquirido de A Coruña).
Os produtos que se poden mercar nesta tenda solidaria elaboráronos persoas voluntarias do Espazo +60 participantes no Obradoiro solidario durante todo o curso, dirixido pola socia voluntaria Loli Rodríguez Martínez. Nesta tenda solidaria poderanse atopar traballos de artesanía e bixutería, desde roupa infantil a manteis, bolsos e bolsas, bonecos, toallas bordadas ou con encaixe de Camariñas, xerseis…
Esta actividade ten como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación ao tempo que fomenta a solidariedade e a cooperación entre os participantes. Está enmarcada dentro do programa "O valor da experiencia" da área de Envellecemento Activo, que ten como obxectivo potenciar o papel activo das persoas maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades de voluntariado.
Todo o recadado destinarase a ADACECO, Asociación de Dano Cerebral Adquirido de A Coruña, creada no ano 2000 por persoas afectadas e as súas familias. É unha entidade sen ánimo de lucro que traballa por e para as persoas afectadas por unha lesión nas estruturas cerebrais cuxa orixe non é hereditaria nin dexenerativa senón que é produto dun dano cerebral súbito (ictus, accidente cardiovascular, falta de osíxeno no cerebro..) e o fin da Asociación é contribuir a mellorar a súa calidade de vida a través dunha atención interdisciplinar e uns servizos de rehabilitación especializados e adaptados ás necesidades de cada persoa que sufran un dano destas características.
A inauguración, aberta ao público en xeral, terá lugar o 5 de decembro, ás 17.30 horas.