Libro SUMA CREATIVA

Suma creativa é un volume de relatos inspirados na Colección de Arte Afundación, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 2015. Dez escritoras e escritores crearon este libro polifónico con once relatos nos que a Colección de Arte e o Teatro Afundación de Vigo son clave no desenvolvemento das súas historias.
Achegámonos á Colección de Arte Afundación desde unha mirada nova e multidisciplinar, en que as artes plásticas e a literatura conflúen para dar a coñecer a importancia dunha das coleccións máis relevantes da arte galega contemporánea. Conformada por máis de cinco mil pezas, cun abano cronolóxico que abrangue desde finais do século XIX ata os nosos días, serve de base para que destacadas figuras da literatura galega contemporánea compoñan unha serie de relatos a partir das obras que cada unha delas escolleu para a ocasión. Cun inicio establecido polo texto de apertura de María Lado, os seguintes escritos continúan a liña ficcional.
Ledicia Costas, Berta Dávila, Antonio Manuel Fraga, Diego Giráldez, O Hematocrítico, María Lado, Emma Pedreira, Mario Regueira, Eli Ríos e María Solar son as escritoras e escritores que levan á literatura as creacións de Vitoria Diehl, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Maruxa Mallo, Ánxel Huete, Jorge Perianes, Berta Cáccamo, Urbano Lugrís, Pamen Pereira e Álvaro de la Vega.
O libro está xa á venda na tenda en liña AQUÍ, así coma nas sedes da entidade.