Proxección da serie dixital A ARTE DE SER (MAL) PAI, na Coruña
O sábado 16 de marzo, podes asistir á proxección da serie dixital de Miraveo A arte de ser (mal) pai, candidata aos Mestre Mateo. Será na Sede Afundación A Coruña ás 20.00 h.
Reserva xa as túas entradas de balde en Ataquilla.com e colabora con CULTURA POR ALIMENTOS, accedendo á actividade cunha doazón de alimentos non perecedoiros.
CULTURA POR ALIMENTOS é unha iniciativa solidaria impulsada pola nosa entidade en favor da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), a través da cal podes acceder ás nosas actividades culturais achegando unha doazón de alimentos. Suxerimos preferiblemente algunha das seguintes opcións: leite, aceite de oliva, conservas de peixe ou legumes, alimentos infantís.
A arte de ser (mal) pai conta a historia dun pai de corenta, interpretado por Xosé M. Esperante, obrigado a despedirse da súa filla, a novísima e poderosa actriz Jacoba de Llano. Durante os tres días nos que sucede a emocionante historia, os creadores ofrecen unha mirada profunda e conmovedora sobre os desafíos da paternidade e a complexidade do que significa ser adolescente neste mundo moderno.
Protagonizada por Xosé M. Esperante e Jacoba de Llano, xunto ás interpretacións de grandes actores e actrices como Marita Martínez, Sabela Arán, Fede Pérez ou María Costas.
A arte de ser (mal) pai está seleccionada entre as mellores ficcións de Galicia nos XXII Mestre Mateo. Finalista na candidatura de Mellor Serie Web, na que cada ano se premian os contidos dixitais e as series de plataformas máis vangardistas da nosa terra. Así pois, a Academia Galega do Audiovisual recoñece o traballo dos Porco Bravú na súa nova serie producida por Miraveo. Unha historia contada en tres episodios que xa percorreu festivais de todo o país e parte do estranxeiro, como Chile ou Perú.
O palmarés da serie segue a medrar nos poucos meses de distribución por festivais, entres os que destacan: o dobrete na súa estrea no Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais máis importante de España (Mellor Serie V.O. galego e Premio do Público) e o gran premio do xurado no Serielizados, o festival de series do país, como Mellor Piloto do Showcase no seu 10º aniversario.
Tanto o creador da serie, Óscar Cruz, como o seu director, Jorge Boquete, declaran: “Unha serie en galego viaxou por todo o mundo e tivemos a sorte de recoller premios moi importantes. Agora o maior recoñecemento sería ver a serie nunha plataforma como a da TVG”. Unhas palabras que demostran que as series á marxe da televisión tamén emocionan ao gran público. Segundo os creadores, o único que precisan para facelo é ter unha canle de distribución, e agora, por sorte, xa a temos: chámase Agalega.gal.
A gala de entrega dos XXII Mestre Mateo será o sábado 23 de marzo no Coliseum da Coruña. Dirixida pola actriz e creadora Noemí Rodríguez e presentada pola actriz Lidia Veiga e o actor Miguel Canalejo.
En definitiva, o 2024 é o regreso de Óscar Cruz e Jorge Boquete ao formato co que xa conseguiron 4 premios Mestre Mateo. A serie producida por Miraveo e co apoio da AGADIC é unha comedia dramática. Ou un drama con notas de comedia. Etiquetala é difícil, o que está claro é que, entre risas e bágoas, non deixa indiferente a ninguén.