Concerto REAL FILHARMONÍA DE GALICIA en Vigo
xaimecortizo1__narrow.jpg)
Xa podes coller as entradas soltas en Ataquilla.com para este concerto da TEMPADA DE ABONOS DE CLÁSICA AFUNDACIÓN 2022.
Duración aprox. 1 h 35 min
Director Paul Daniel
Piano Denis Kozhukhin
I
SERGEI RACHMANINOFF (1873-1943)
Concerto para piano núm. 3, op. 30 en re menor
Allegro ma non tanto
Intermezzo
Finale
II
SOFIYA ASGATOVNA (1931)
Fairytale Poem
DMITRY SHOSKTAKOVICH (1906-1975)
Sinfonía núm. 9 en mi-bemol maior, op. 70
Allegro
Moderato
Presto
Largo
Allegretto
REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
A Real Filharmonía de Galicia créase no ano 1996 en Santiago de Compostela, e ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia, na cidade de Santiago de Compostela. Está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes. Paul Daniel é, desde 2013, o seu director titular e artístico; Maximino Zumalave o seu director asociado e Joana Carneiro a principal directora invitada. Coa orquestra colaboran os máis destacados directores, cantantes e instrumentistas de todo o mundo.
A RFG está comprometida en achegar a música clásica a todo o territorio galego, aos públicos máis novos e destaca, ademais, o seu compromiso co patrimonio musical galego. Xestionada polo Consorcio de Santiago, a RFG está financiada pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.
Esta exposición enmárcase na iniciativa CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora, achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros ao acceder á exposición.
AQUÍ máis información.
NOTAS AO PROGRAMA
Durante séculos, decenas de músicos europeos incluíron a corte dos tsares rusos nas súas xiras ou elixírona como destino laboral permanente; porén, ata finais do século XIX, os compositores rusos eran case descoñecidos, sendo Mikhail Glinka un dos primeiros que despuntou e que, ademais, serviu de referencia para a vindeira e xa afamada xeración: Rimski-Korsakov, Moussorgski, Chaikovski, etc. A partir dese momento, a antiga Unión Soviética converteríase paseniño nunha das primeiras potencias musicais do mundo a través de Scriabin, Medtner, Prokofiev, Stravinski, Kachaturian, Schnittke e un extenso catálogo que inclúe os autores e a autora programados neste concerto. Sergei Rachmaninov, Dmitri Shostakovich e Sofia Gubaidulina quizais estean unidos pola súa necesidade de compoñer, o seu talento e a veracidade dunha música que comunica experiencias fondamente sentidas, malia que os separen unhas poucas décadas, o xeito de escribir e as súas vivencias persoais no seu país.
Ao longo da historia, a música tivo que procurar camiños expresivos alternativos, subterfuxios e eufemismos para evitar a censura e denunciar indirectamente contextos de opresión. A partir da segunda década do século XX, iso foi unha constante para dous dos compositores deste programa, vixiados e ameazados polo réxime soviético: Rachmaninov, quen abandonou o país en 1917 para non volver; e Shostakovich que, como Prokofiev, incluíu nas súas obras a ironía, o sarcasmo e a sátira. Tamén tivo que sobrepoñerse Gubaidulina, sinalada pola relixiosidade que a inspiraba e polo desafío coas súas tendencias vangardistas cara aos avances dos modernistas occidentais. Ela, insurrecta, non cesou no seu empeño creador e mantívose libre. As súas primeiras creacións chamaron a atención de Shostakovich quen, tras estudar unha das sinfonías, díxolle: «Non teñas medo de ser ti mesma. Desexo que sigas o teu propio camiño equivocado». En 1979, con Schnittke e Denisov, Gubaidulina forma un grupo cuxa música foi denunciada e prohibida, algo que podería ter marcado a fin da súa carreira, pero o seu concerto de violín Offertorium foi sacado, subrepticiamente, desde a URSS para que Gidon Kremer o estreara en Viena en 1981. En 1992, Gubaidulina instalouse na Alemaña, onde segue compoñendo inspirada na literatura e a filosofía, explorando a relación do humano e o divino sobre antigos textos bíblicos, litúrxicos e poéticos de San Francisco de Asís, Rilke, TS Eliot, Marina Tsvetayeva ou Gennadi Aigi. Fairytale Poem (1971) é música composta para un programa de radio infantil sobre o conto de fadas O anaco de xiz do escritor checo Mazourek, que tamén pode interpretarse sen texto como peza instrumental, tal e como se tocará neste concerto. A compositora intuíu nesa historia «unha parábola sobre o destino dun artista», conectando o xiz e o papel do artista na sociedade. Gubaidulina explica que o xiz soña con debuxar cousas marabillosas, mais só escribe palabras, números e xeometría no encerado escolar, reducíndose cada día, perdendo toda esperanza e sendo desbotada pola clase, acaba no peto dun rapaz debuxando os castelos e xardíns soñados no chan e sendo tan feliz que non é consciente de que se disolve nese fermoso mundo. A forza do relato, o dinámico tapiz sonoro, a especial linguaxe musical da compositora e a clara estruturación da obra permiten que calquera oínte, incluso as crianzas, encontren rapidamente un acceso intuitivo aos espazos sonoros da nova música.
Rachmaninov estudou con Arenski, este con Rimski-Korsakov e Taneyev quen foi alumno de Chaikovski. Dese xeito, Rachmaninov estaba, cronoloxicamente, entre os compositores da «vella Rusia» e os soviéticos, e, esteticamente, entre o nacionalismo de Rimski e o romanticismo académico de Chaikovski. O outono de 1909 marcou o comezo dos últimos anos do compositor no seu país coa viaxe a América para unha primeira xira de concertos como pianista e director. No verán, para eses concertos, compuxo unha nova obra, o Terceiro Concerto para piano que foi estreado en novembro pola Sinfónica de Nova York e Walter Damrosch, repetíndoo coa Sinfónica de Boston en Filadelfia, Baltimore, Nova York, Hartford, Bufalo e coa Filharmónica de Nova York dirixida por Gustav Mahler. A peza inclúe as virtudes de Rachmaninov: complexas texturas, extensos acordes, magníficas melodías, exuberantes sonoridades, trazos que a fan tremendamente esixente para os solistas. Un orixinal concerto que xorde, case totalmente, do tema inicial do primeiro movemento, unha das melodías máis desacougantes que Rachmaninov escribira nunca. Sobre cordas silenciadas e rumorosas, o piano expón unha melodía inequivocamente rusa que el mesmo explica «...non está tomado de formas de cancións populares nin de fontes eclesiásticas. Simplemente, escribiuse só [...] soamente pensaba no son. Quería cantar a melodía no piano como o faría un cantante e encontrar un acompañamento orquestral adecuado, ou máis ben un que non amortecera este canto. Iso é todo». Ese canto reaparecerá transformado ao longo do concerto. Deseguido, cordas e despois madeiras presentan unha pequena marcha retomada polo piano que a transforma maxicamente nunha pasaxe de gran nivel. O invernal Intermezzo é introducido pola orquestra antes de que o piano irrompa e desenvolva as ideas da orquestra. Aos poucos, o tema xerminal do primeiro movemento aparece no fondo, e o autor constrúe a sección central sobre un rápido ritmo de valse ata que o piano leva a música cara ao Alla breve final. O retorno do tempo pon fin á partitura cun impulso furioso e o piano tocando acordes nun staccato percusivo.
Stalin esperaba que Shostakovich compuxera unha novena sinfonía preto da célebre Novena de Beethoven co gallo da vitoria da Unión Soviética, xunto aos demais aliados, sobre A Alemaña na Segunda Guerra Mundial. O compositor era unha personalidade destacada na música do país e esa obra pechaba a chamada Triloxía de Guerra que conformaban as Sinfonías núm. 7 e 8, e parecía que todo apuntaba a que marcase un fito histórico. Porén, Shostakovich aproveitou o momento para afastarse do poder político e reflexionar sobre a hipocrisía e lixeireza duns burócratas festexando con música o resultado dunha cruenta contenda. O resultado foi unha obra sinxela composta con máis sarcasmo que épica, unha sinfonía de contornos clásicos cunha peza irónica, falsamente inxenua, da que o propio compositor dixo: «Aos músicos encantaralles tocala e aos críticos esnaquizala». Durante anos, a crítica soviética estivo dividida, uns definiron a sinfonía como lixeira e deliciosa, e outros opinaron que conformaba unha caprichosa diversión artística nun momento transcendental que requiría obras transcendentais. En 1948, o goberno, que suavizara o control das artes durante a guerra, volveu reprimir o «formalismo das elites» e a relevancia de autor converteuno nun branco propicio co argumento de «escribir música contraria ao espírito do pobo soviético». Foi colocado na lista negra de compositores, prohibindo moitas das súas obras e, aínda que Stalin levantou esa prohibición en pouco tempo, a música de Shostakovich non volveu ser a mesma ata despois da morte do gobernante en 1953. A Novena é recoñecida como a sinfonía clásica do compositor pola súa brevidade, forma e carácter camerístico, influenciada por Haydn e Mozart, sobre todo no primeiro movemento, e por Mahler, nos demais. O Allegro inicial segue a forma de sonata ata a repetición da exposición (o que só sucede nesta sinfonía); ofrece enerxía e ousadía cunha repetida pasaxe do trombón que anuncia e interrompe a declaración do frautín sobre o segundo tema. O Moderato é más sombrío, melancólico, case tráxico; o tema que introduce o clarinete podería ser un valse lento. Os tres últimos movementos interprétanse sen pausa. O Scherzo asoma fugaz, vólvese completamente diabólico cando aparecen os metais, mais perde pulo e comeza a esmorecer en favor dun Largo ‒un dos poucos momentos serios da partitura que se pode interpretar como unha marabillosa e tráxica conversa entre o home e as máquinas, algo que casa co ocorrido na Segunda Guerra Mundial‒ que consiste en dous ameazadores pronunciamentos de trombóns e tuba, seguidos por un conmovedor solo de fagot. Outro solo convértese no alegre tema principal do Final, que ás veces pode parecer unha danza e outras, unha marcha.