Teatro: Raclette de Ibuprofeno Teatro en Vigo
Raclette é a nova obra de Ibuprofeno Teatro, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. Mestúranse as vidas de varias personaxes que, aparentemente, nada teñen que ver, mais acaban anoándose nunha historia total que nos ofrece unha visión particular da sociedade. Gózaa no Teatro Afundación de Vigo o 5 de abril.
A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela -a medida que comían- queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais coma a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia.
As cinco personaxes conforman un complexo mosaico humano: un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles, mais que han de convivir a pesar das diferenzas. Son cinco persoas que están pasando por momentos cruciais nas súas vidas, momentos de cambios, de inestabilidade, marcados por acontecementos que han deixar pegadas profundas para o resto da súa existencia. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes.
O realismo é a base da posta en escena e do traballo interpretativo. Os actores e actrices cociñan e comen comida real, diante do público, que apreciará o transcurso da cea non só pola vista e o oído, senón tamén polo olfacto. O peso da función recae no que transmiten as personaxes, na intensidade das relacións que se establecen entre eles, na trascendencia do que din e do que calan, nos xestos, nas miradas...
Os espectadores están no patio de butacas, mais tamén nunhas pequenas bancadas que están situadas no escenario, rodeando completamente a mesa en que están os actores, o que reforzará a súa sensación de estaren deixando ao descuberto a súa intimidade. Cada un ten un mundo interior que se vai descubrindo a medida que van degustando o menú. Hai unha idea de proximidade e comuñón entre todos -actores e público-, que están orientados cara ao mesmo punto, cara ao centro da mesa, cara á raclette que os une, que fai que todos estean alí.
Raclette inaugura unha nova xeira de Ibuprofeno Teatro, en que asume producións dun formato superior con elencos máis numerosos caracterizadas polo rigor na posta en escena, no traballo interpretativo e na concepción dos textos e dos procesos de creación, baseados na obra dramatúrxica de Santiago Cortegoso.
ELENCO
Toni Salgado: Raúl. Actor de teatro alternativo
Deborah Vukusic: Paula. Axudante de dirección dunha serie de TV
Marián Bañobre: Vero. Enfermeira, encargada dunha horta urbana
Iria Sobrado: Miriam. Zoóloga
Salvador del Río: Mario. Xornalista en paro