Presentación do libro "BRUNILDA E BRUNILDO" de ÁNXELA GRACIÁN, en Santiago de Compostela
![Presentación do libro Presentación do libro](https://www.afundacion.org/images/cesionsalas/92497/cartel_anxela_gracian_en_santiago__narrow.jpg)
O xoves 5 de decembro, a Biblioteca Afundación de Santiago de Compostela (Frei Rosendo Salvado, 14-16) acolle o acto de presentación do libro de Ánxela Gracián Brunilda e Brunildo, dirixido a todo o público, especialmente ao infantil. Un álbum ilustrado para os e as máis pequerrechas que nos fala de Brunilda, unha ra que ten que abandonar a súa charca porque secou no verán.
No acto, a autora Ánxela Gracián fará unha lectura dramatizada do conto, publicado por Edicións Fervenza, e participarán ademais presentándoo o profesor, escritor e crítico literario Armando Requeixo e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia Valentín García.
BRUNILDA E BRUNILDO
Conto infantil no que a ra Brunilda ten que abandonar o seu fogar coa súa nai porque a súa charca secou no verán. A pequena protagonista terá que enfrontarse ao sentimento de perda dos seus compañeiros e compañeiras e adaptarse a unha nova contorna. Unha soidade reparada por Brunildo, un novo amigo co que establece amizade sen sequera velo por culpa dun muro, mais co que comparte moitas inquedanzas. Ambos botan de menos o seu fogar e a súa xente... os mesmos sentimentos e as mesmas paixóns fan que decidan quedar para vérense e descubrir que en realidade son unha ra e un grilo. Tan diferentes por fóra, pero tan semellantes no seu interior.
Unha historia para comprender a importancia da adaptación, o respecto e a tolerancia.
Aproveita para visitares a axenda web e saber de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes e tamén na nosa ticketeira Ataquilla.com para outras actividades escénicas.