Carapuchiña Vermella. O musical. Pontevedra
O 20 de outubro os máis pequenos teñen unha divertida cita na Sede Afundación de Pontevedra con Carapuchiña Vermella. O musical. Un espectáculo incrible para toda a familia en que EducaTeatro fomenta os valores máis importantes que se tiran do clásico, ao tempo que sobe ao escenario unha serie de personaxes ben caracterizados. Unha estética moi coidada e bonitas cancións de que gozarán grandes e pequenos.
Con motivo do éxito de vendas, amplíase a unha nova función para as 19.00 h
Carapuchiña é unha nena duns nove anos. Certo día, a súa nai encárgalle ir á casa da avoa para que lle leve unha cesta con froita, un tarro de mel e unha botella de viño doce. Polo camiño toparase con amigos, vivirá aventuras con árbores bailarinas, aprenderá cancións e mesmo coñecerá un lobo que fará das súas para tentar comela. A historia está narrada por Plácido, un escritor de contos que, axudado pola súa vella máquina de escribir, traballará arreo para mecanografar o conto máis bonito do mundo enteiro.
Duración: 50 minutos + fotos ao final cos personaxes
Idades: Recomendado a partir de 2 anos
Idioma: Galego
EducaTeatro Produccións® está formado por un grupo de profesionais das artes escénicas e musicais co asesoramento de docentes e especialistas en pedagoxía de contrastada experiencia no campo da educación. A música, a palabra e a diversión son os alicerces dos seus traballos, centrados no teatro infantil e xuvenil, cos que buscan fomentar a educación en valores e presentar, dunha maneira lúdica, a aprendizaxe das materias escolares. Tras o éxito obtido co seu primeiro traballo, Os tres porquiños, unha obra musical con bonecos a tamaño real, volven percorrer Galicia renovando os contos clásicos, nesta ocasión co musical de Carapuchiña Vermella.
Máis información en www.educateatro.com e www.facebook.com/educateatro