Coloquio FALEMOS SOBRE SAÚDE MENTAL, en Santiago de Compostela
No marco das xornadas divulgativas Saúde Mental en Galicia, en colaboración coa Fundación Araguaney, unímonos co noso ciclo EDUCACIÓN S. XXI traendo un novo encontro, "Falemos sobre... saúde mental". Será o día 19 de decembro no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela canda os profesionais do Hospital Psiquiátrico de Conxo Iria Veiga e Jose Berdullas, e a xefa do Servizo de Saúde Mental do Sergas, María Tajes, que poñerán o foco sobre aspectos fundamentais da saúde mental, o suicidio e os medios dispoñibles para a súa prevención.
Ademais, no encontro, estrearase en Santiago a obra Esas cousas marabillosas, unha proposta escénica da compañía Empatía Teatro que fala sobre a saúde mental, a depresión e o suicidio. A peza orixinal, escrita polo galardoado director Duncan MacMillan, esgotou entradas durante tres anos consecutivos no Festival de Edimburgo e converteuse nun fenómeno teatral a nivel mundial, ata o punto de que a plataforma HBO gravou un documental sobre ela. Avelino González dirixiu e adaptou a obra ao galego para estrear a peza no Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón en 2022, sendo actualmente Celia González quen como directora en xira acompaña a Elisardo de la Cruz, co obxectivo de continuar a agrandar o legado desta marabillosa historia.
CULTURA POR ALIMENTOS
Coñeces o noso programa solidario? Accede a toda a información desde a nosa web para saber de todas aquelas actividades culturais que podes realizar nos nosos recintos por un intercambio de alimentos non perecedoiros, destinados aos bancos de alimentos locais. Este encontro forma parte da rede de actividades adheridas á iniciativa, polo que te convidamos a deixar a túa doazón á entrada do edificio, no punto habilitado, cando asistas.
A ilusión compartida que nos move! Infórmate aquí
En colaboración con FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos.
COLOQUIO con
María Tajes, xefa de Servizo de Saúde Mental do Sergas.
Jose Berdullas, psicólogo clínico no Hospital Psiquiátrico de Conxo e vogal da xunta de goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Iria Veiga, psiquiatra no Hospital Psiquiátrico de Conxo e divulgadora científica.
Nun mundo dinámico e complexo, a promoción da saúde mental non só é esencial para o benestar individual, senón tamén para construír sociedades resilientes, comprensivas e sas. A conversa sobre saúde mental eríxese como un pilar fundamental para fomentar a empatía, reducir o estigma e proporcionar contornas que alimenten o desenvolvemento continuo e integral das persoas na era moderna.
O Ciclo de Conferencias sobre Saúde Mental en Galicia está organizado pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, en colaboración con Afundación Obra Social ABANCA, e ten como obxectivo ofrecer ao público en xeral e aos profesionais sanitarios, sociais e da educación, ferramentas de debate e elementos para abordar a situación da saúde mental desde o punto de vista doméstico, profesional e institucional.