Inauguramos a COMICTECA Afundación! en Vigo

O 19 de decembro, Vigo convértese no epicentro da novena arte coa inauguración da Comicteca Afundación, un espazo único dedicado a amantes do cómic. O proxecto, situado na Biblioteca do Teatro Afundación de Vigo, ten como obxectivo fomentar o coñecemento, a educación e o goce da banda deseñada, converténdose nun referente cultural para a cidade.
A Comicteca conta cunha ampla colección de máis de 900 obras organizadas en seccións que abranguen desde cómics clásicos e biográficos ata ciencia, mitoloxía e gastronomía. Entre as súas xoias, destacan exemplares únicos e edicións limitadas de autores de renome coma Miguelanxo Prado, Neil Gaiman, e Moebius, ademais de representacións do panorama galego con obras de David Rubín e Bea Lema, entre outros.
Ademais de ofrecer consulta en sala e préstamo, o espazo inclúe unha zona de exposición dedicada a obras destacadas, onde as e os visitantes poderán gozar de materiais únicos de gran valor artístico e cultural.
Inauguramos a Comicteca coa exposición "CINCO MURAIS. Aproximación á narrativa gráfica dentro da aula" do galardoado profesor e autor Pedro Cifuentes, creador da imaxe gráfica da Comicteca. Esta mostra, que destaca polo seu enfoque educativo, celebra a capacidade do cómic para transmitir coñecementos e conectar con audiencias de todas as idades.
Ademais, o mesmo 19 de decembro, o espazo ofrece unha conferencia de Álvaro Pons, "A física dos superheroes". Álvaro Pons é director da Cátedra de Estudos de Cómic, Fundación SM - Universitat de València, e profesor da facultade de física da mesma universidade. O físico óptico analiza contidos físicos básicos que se poden ver en aspectos dos cómics dos superheroes, recorrendo aos famosos personaxes de cómic, afondando nos principios científicos que farían posibles os poderes de personaxes como Spiderman, Hulk, Superman, etc. Co coñecemento actual, búscanse posibles explicacións verosímiles que expliquen as súas sorprendentes capacidades e habilidades.
Descubre todo o que ofrece a Comicteca Afundación e decátate de futuros eventos e actividades visitando a web oficial do proxecto. Entra AQUÍ.
Agardámoste nesta celebración da novena arte!












