FELiiC 2023. Feira de Edición e Libro Ilustrado en Santiago de Compostela

O sábado 21 de xaneiro chega unha nova edición da Feira de Edición e Libro Ilustrado a Compostela. A Sede Afundación na Rúa do Vilar convídate a visitar a IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea e asistir á FELiiC 2023, un encontro con artistas, librarías e galerías de arte que nos falan de todo o novo que se está a crear e outras cuestións diversas relacionadas co mundo da ilustración literaria. E por suposto, un punto de venda para facerte coas edicións máis interesantes.
PROGRAMA
Entrada de balde!
11.00 h Apertura da feira | coa Libraría Pedreira, libraría Lila de Lilith e Galería Maraca
11.15 h Presentación | con Xurxo Couto, Deputado de Cultura
11.30 h Charla | con Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa, Francisco Pérez e Julia Lago. "Premios Castelao de Banda Deseñada, un apoio continuado á edición galega ilustrada". Modera Neves Rodríguez, comunicadora.
14.00 h Peche da feira de mañá
16.15 h Charla | con Cristina Daura e Aitor Saraiba. "Libros ilustrados: as diferentes experiencias e procesos creativos que hai detrás". Modera Laura Romero, presidenta da AGPI
17.45 Charla | con Marta Font, Nuria Riaza e Natalia Umpiérrez. "En portada: a imaxe que precede ás mil palabras". Modera Raúl Bermúdez, director de Chachachá Estudios
20.30 h Peche da feira.
A iniciativa céntrase na edición e autoedición de libros ilustrados que están relacionados directamente cos traballos das ilustradoras e ilustradores que participan na MiiC, facendo especial fincapé, ademais, na difusión do Premio Castelao de Banda Deseñada organizado pola Deputación da Coruña.
A xornada distribúese en torno a un programa de charlas, mesas de debate e presentacións que teñen como finalidade aproximarnos ao traballo de artistas e editoriais, facer unha radiografía da situación actual do sector, e indagar nas novas tendencias en canto a contidos. O evento complétase cunha pequena feira onde o público poderá mercar as publicacións das autoras e editoriais convidadas.
O obxectivo da FELiiC é resaltar a importancia do traballo das ilustradoras e ilustradores á hora de completar unha narración
literaria a través das súas interpretacións ilustradas, así como cando se enfrontan ao momento de crear os seus propios proxectos co fin de ser editados ou autoeditados.
Ademais, resalta o traballo das editoriais que apostan por edicións moi coidadas onde a ilustración é tan protagonista coma o texto, poñendo así en valor o formato do libro ilustrado como un todo artístico que enriquece e fomenta a lectura.
Ademais! Venres 20 XAN | Open MiiC | encontros con artistas a pé de exposición
Organiza: Deputación da Coruña