Teatro: «Fedra». Vigo
De Paco Bezerra e baixo a dirección de Luís Luque, chega aos nosos escenarios a obra de teatro «Fedra». Unha Lolita Flores apaixonada aprópiase das táboas con esta obra onde a raíña da Illa do Volcán mostra as emocións que xa non pode reprimir máis, un erotismo inmoral e impúdico que se apropiou dela. Atrévete a amar. Baixo este lema constrúese unha trama hipnotizante que podemos gozar o 10 de febreiro no Teatro Afundación de Vigo.
Esta obra pertence á Tempada de Abonos de TEATRO Afundación 2019. Aquí máis información.
Fedra está enferma: nin come nin fala nin dorme. Os médicos son incapaces de pescudar a orixe do seu padecemento e o país enteiro anda preocupado polo seu estado de saúde. Algúns din que se volveu tola. Outros, que as longas ausencias do seu esposo, o rei da illa, acabaron por devastar e arrasar o seu corazón, mais ninguén coñece a verdade e todos se equivocan. E é que a gran responsable da doenza de Fedra non é outra ca unha paixón que a atormenta desde hai tempo e que xa non pode reprimir máis; un erotismo inmoral e impúdico, un desexo violento e indómito, un amor prisioneiro e indecente. Atrévete a amar.
O amor, en moitos casos, é sinónimo de sorte e felicidade, mais noutros é tormento e grandísima condena (en especial cando namoras da persoa que non debes). Mais, como actuar cando a razón e o desexo entran en conflito? É máis xusto atender o que expón o cerebro ou o que demanda o corazón? Que debera pesar máis? Pensar ou sentir?
Tradicionalmente, este é o conflito interno ao que sempre tivo que enfrontarse Fedra, unha personaxe que, atrapada nas redes da traxedia, se debate e non se pode decidir. E isto mesmo é o que a acabou por converter nunha personaxe un tanto inactiva, alguén que, incapaz de elixir, se decide por lle dar a man á morte como a mellor das opcións.
O que quixemos con esta Fedra é sacar o personaxe dese letargo en que sempre se atopou para crear unha muller máis combativa e con menos medo; unha persoa que, fuxindo da traxedia, se mergulle de cheo nela e pelexe fronte a fronte; unha muller exenta de culpa, capaz de loitar polo que quere, e que, ante todo, se atreva a amar.
Por isto, a escenografía elixida é un lugar emocional, un lugar tan grande coma un volcán en metade dunha illa rodeada por un mar antigo. Un espazo que é unha fenda no peito, un oco polo que saíu o corazón da nosa protagonista. Unha posta en escena onde as artes visuais e a música serán vehiculares. Unha Fedra contemporánea que nos veña falar sen andrómenas e sen temor da liberdade de amar. Entender as razóns do seu corazón para aprender a respectarnos e, desta forma, amarnos mellor. Converter o gran Teatro Romano de Mérida no peito de Fedra e refuxiarnos nel. O volcán está a piques de entrar en erupción.
REPARTO
Lolita Flores | Juan Fernández | Tina Sáinz | Críspulo Cabezas | Michel Tejerina
EQUIPO ARTÍSTICO E TÉCNICO
Dramaturxia: Paco Bezerra | Escenografía: Monica Boromello | Iluminación: Juan Gómez-Cornejo | Música: Mariano Marín | Vestiario: Almudena Rodríguez Huertas | Vídeo escena: Bruno Praena | Axudante de dirección: Álvaro Lizarrondo | Dirección: Luis Luque
Unha produción do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Pentación Espectáculos.