Miguel Sande gaña o XVII Premio de Poesía Afundación co poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta. O fallo deuse o 17 de xullo na Sede de Santiago de Compostela onde o xurado deu a coñecer a escolla, conformado por Luís G. Tosar, presidente do Centro PEN; Xabier Castro, secretario do Centro PEN; Ánxela Gracián, escritora; Branca Vilela, escritora; e María Canosa, escritora. Nesta edición presentáronse 30 orixinais a concurso.
«Os filósofos xa non brindan con cicuta está escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura –subliñou o xurado–, mais tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas. A expresión poética está plenamente lograda nun metro de difícil factura aínda que pleno de sonoridade musical como é a prosa poética». O xurado destacou así mesmo como o autor «constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecable, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado».
Miguel Sande nace en Pastoriza, no Concello de Arteixo, en 1961. Actualmente reside en Viveiro onde exerce como delegado de La Voz de Galicia na Mariña. Poeta, dramaturgo, novelista e xornalista, co seu primeiro libro, Á alba pide comigo vivir, publicado en 1984, queda finalista do Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca, convocado polo Ministerio de Cultura. En 1998, publica o seu segundo libro de teatro, Ninguén chorou por nós, tamén premiado co Rafael Dieste. Pola obra A enterradora gaña o premio Nova Dramaturxia Galega. Como poeta publicou, entre outros, A palabra soterrada (1985) ou Furtivos. A súa novela Se algún día esta muller morta, gana en 2006 o I Premio Narrativa Breve Repsol e en 2016 consegue o Premio García Barros pola novela A candidata. É autor tamén da novela A vida fóra.
O PREMIO
O Premio de Poesía Afundación, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas coma Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa ou Gonzalo Hermo, gañador da anterior convocatoria.
A Xunta de Galicia apoia e participa neste Premio, garantindo a estabilidade do galardón e contribuíndo a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, ao tempo que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras dezasete anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan a traballar por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.