Finalistas ao Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Os artigos finalistas do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego son Míriam Ferradáns, polo seu artigo «Aprender a contar», publicado en Sermos Galicia; Diego Giráldez, por «A cardiopatía de Xulia», en Praza Pública; e Cristina Pato por «Realidades paralelas», en La Voz de Galicia.
O xurado estivo integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Inma López Silva. Un total de 19 artigos optaban á XVII edición do Premio Fernández del Riego. Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega.
O premio está dotado con 10 000 euros. Entre os gañadores podemos sinalar nomes tan importantes como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado ou Inma López Silva, gañadora da última edición.