Resolución do XX Premio Poesía Afundación en Santiago de Compostela

A xa recoñecida escritora galega Ledicia Costas gaña, co poemario Ultraluz e baixo o lema Kodama, a XX edición do Premio de Poesía Afundación á que se presentaron nesta edición un total de 32 obras inéditas. A resolución do xurado, composto por Luciano Rodríguez, Ánxela Gracián, Estíbaliz Espinosa, profesionais da escrita; Xabier Castro Martínez, tamén escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais das e dos participantes do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación.
ULTRALUZ. Obra gañadora
O xurado considerou que este libro de poemas é «un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha decidida vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque, logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción. Hai unha interpelación á persoa lectora como axente activa, convidándoa a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo».
LEDICIA COSTAS
Ledicia Costas é unha escritora galega licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo. Empezou a escribir desde moi nova. A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais 2000), libro que escribiu cando era unha adolescente.
Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015.
Traducida a linguas coma o coreano, o persa ou o portugués, Escarlatina, a cociñeira defunta tivo unha gran acollida polo público infantil. Foi cualificada coma unha obra “extraordinaria, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e con grande habilidade para desmitificar o tema da morte”.
Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015. No 2017 volve ganar ese mesmo premio coa novela A balada dos unicornios, converténdose na única autora galega en lograr en dúas ocasións este galardón.
No ano 2019 publica Infamia, novela que ten unha gran recepción entre o público adulto. Actualmente vai pola sétima edición e foi o libro máis lido nos clubes de lectura de Galicia da ESO no curso 2019-2020.
Recibiu o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria no ano 2020 pola súa traxectoria.
Podes ler AQUÍ a entrevista a Ledicia Costas.
PREMIO DE POESÍA AFUNDACIÓN
O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande ou Medos Romero, gañadora da anterior convocatoria.
O premio, que celebra a súa décimo novena edición, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras case dúas décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.