FINALISTAS do XXI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, en Pontevedra

Diego Ameixeiras, Xavier Lama e Antía Yáñez son as tres persoas finalistas do XXI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. O 17 de xullo desde a Sede Afundación de Pontevedra, o xurado, constituído por Víctor F. Freixanes, Carlos Valle, Xosé Carlos Caneiro, Gloria Rodríguez, Fina Casalderrey e Mar Mato, como premiada na edición anterior, deu a coñecer a decisión.
FINALISTAS
Diego Ameixeiras Novelle por «A metade do inverno vai fóra» publicado en La Voz de Galicia o 10/02/2023
Xavier Lama, por «Unha casa con alma de inverno», en Mundiario, o 28 /12/2023
Antía Yáñez Rodríguez, por «Medrar» en Luzes, o 15/03/2023.
PREMIO AFUNDACIÓN DE XORNALISMO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
A figura de Francisco Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo. Homenaxeamos a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, facemos extensiva a homenaxe a escritoras, escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia.
O premio está dotado con 10 000 euros. Entre os gañadores podemos sinalar nomes tan importantes como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Francisco Castro ou Mar Mato, gañadora da última edición.
FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010)
Foi unha das figuras máis queridas e significativas da cultura galega do noso tempo. Ensaísta, narrador, editor e xornalista, pertenceu á promoción de intelectuais que xurdiron ao abeiro do Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. A súa longa obra foi un servizo permanente a Galicia, comprometido cos seus procesos de modernización e reconstrución da súa identidade cultural e política.
Foi membro do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas, animador dos programas en lingua galega na BBC, cofundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial. Colaborou en moi diversas publicacións periódicas, dentro e fóra de Galicia, e ata finais de 2009 foi director da Biblioteca da Fundación Penzol. Doou a súa obra e o seu patrimonio intelectual á cidade de Vigo, onde residiu desde o ano 1940.