Mostra: «Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia». Oleiros
A mostra «Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» segue a percorrer a xeografía galega a través do noso proxecto Corrente Cultural, un programa con que pretendemos difundir cultura de calidade polos diferentes municipios e contando coa súa colaboración. Do 1 ao 31 de agosto goza na Sala de exposicións do Castelo de Santa Cruz en Oleiros (Castelo de Santa Cruz, s/n - Liáns) da excepcional colección de imaxes sacadas nos anos 20 por diferentes paraxes de Galicia, retratando as nosas xentes, costumes e tradicións, un legado etnográfico de valor incalculable.
Visita guiada inaugural | 1 de agosto | 20.00 h. DE BALDE!
En colaboración coa Hispanic Society of America, Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional 2017, este proxecto enmárcase dentro do programa Corrente Cultural, unha aposta de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e ABANCA por difundir cultura por todas as comarcas galegas en colaboración cos nosos concellos. Nesta ocasión contamos coa axuda do Concello de Oleiros.
ACTIVIDADES ESCOLARES
• Viaxando da man de Antón, o fillo do afiador. Infantil a 3º de primaria
• Pontevedra 1924. Regreso ao pasado. 4º de primaria a 2º de ESO
• Unha mirada de antano. 3º, 4º de ESO, bacharelato e C.F.
De balde
Castelo de Santa Cruz de Oleiros | 1 a 31 de agosto 2019
Castelo de Santa Cruz, s/n - Liáns | areaeducativa@afundacion.org
CATÁLOGO
Ademais, podes gozar da exposición na casa e polo miúdo co catálogo, recoñecido co Premio Paraugas a Mellor Libro de Arte polo Clúster da Comunicación Gráfica. Conta cunha explicación detallada de cada fotografía e achéganos á peculiar figura de Ruth Matilda Anderson. Xa está dispoñible nas tendas físicas de Afundación, que se atopan nas distintas sedes, e na nosa tenda online.
A MOSTRA
En agosto do ano 1924 desembarcaba no porto de Vigo, xunto ao seu pai, a fotógrafa investigadora da Hispanic Society de Nova York Ruth Matilda Anderson. Nese preciso intre comezaba a tomar forma unha aventura coidadosamente deseñada.
Archer Milton Huntington fundara en 1904 The Hispanic Society of America, museo, biblioteca pública e institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispánico. Huntington determinou que o seu museo incluiría un arquivo fotográfico, considerando a, daquela, incipiente tecnoloxía como ferramenta de traballo para a investigación. Con ese obxectivo adquiriu imaxes e promoveu expedicións. Ningún dos fotógrafos que enviou á península ibérica obtivo mellores resultados que Ruth M. Anderson. Ela realizou en Galicia dúas extensas campañas fotográficas, de 1924 a 1926, acompañada na segunda pola súa colega Frances Spalding, que definiron a metodoloxía fotográfica da Hispanic Society.
O traballo da moza Anderson, dirixido por Huntington, converteuse na procura e recompilación de evidencias dos costumes do pobo galego, dedicándose ao que resultaba máis difícil: documentar a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Ata entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar nin a cultura material de Galicia foran obxecto de principal atención para a fotografía de xeito tan exhaustivo.
CORRENTE CULTURAL
Unha aposta de ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, para espallar cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.