Mostra: «Quessada. Sociedade e represión. Ourense». Ourense
Inauguramos a exposición «Quessada. Sociedade e represión» na Sala de Exposicións Afundación de Ourense, unha gran oportunidade para coñecer de preto o gran Xaime Quessada nunha impoñente relación de obras de diferentes coleccións públicas e privadas, sobre todo, da propia Colección de Arte Afundación. Pódese visitar ata o 4 de marzo de 2018.
A piques de se cumprir o décimo aniversario do falecemento de Xaime Quessada Porto, inauguramos unha mostra coa súa obra en Ourense, cidade natal do artista, da man da Fundación Xaime Quesada Blanco. Difundimos o seu legado artístico para lembrar a súa achega á historia da arte de Galicia e recuperarmos a memoria da súa complexa personalidade pictórica así como do seu sentido da solidariedade e o seu compromiso social como cidadán.
Ourense, o espazo vital en que Xaime Quessada proxectaba todo o seu dinamismo artístico e cultural, estivo sempre presente tanto na súa actividade pictórica como nas súas diversas iniciativas no mundo da arte. O seu traballo como artista tiña para el un sentido universalista que o levou a viaxar incansable polo mundo, buscando a conexión coas tendencias estéticas de cada momento, pintando e expoñendo á vez que confrontaba a súa pintura cos trazos plásticos que predominaban no escenario artístico mundial. Despois de cada aventura pictórico-expositiva, xa fose en París, Bruxelas, Ámsterdam, Copenhague, México, Nova York ou Madrid volvía sempre a Ourense para ofrecer a súa obra e mostrar o camiño estético polo que transitaba en cada etapa do seu percorrido artístico.
Desde as súas primeiras mostras no Liceo e as Salas de Exposicións da Organización Xuvenil durante o primeiro lustro dos anos cincuenta, foron numerosas as exposicións celebradas no Ateneo, no Museo Arqueolóxico, no Museo Municipal, na Galería Souto, na Caixa de Aforros, Expourense ou nas salas do entón Centro Social Caixanova. Ourense foi tamén centro de diversas aventuras artísticas, entre as que podemos mencionar a homenaxe a Vicente Risco, que propuxo ao regreso dunha viaxe de exposicións por Europa en xuño de 1963; a creación do grupo “O Volter” xunto a Acisclo Manzano e José Luis de Dios ou a formación do grupo “7 artistas galegos”, que percorreu a xeografía española expoñendo e contribuíndo á renovación da arte galega e á súa incorporación ás correntes estéticas que dominaban a plástica contemporánea nas décadas centrais do século XX.
Hoxe a súa presenza artística e a memoria da súa xenerosidade con Ourense segue viva en diferentes espazos públicos da cidade. Sirvan como exemplo as esculturas do Barbaña e as Escultupinturas do Campus Universitario, realizadas en colaboración co seu amigo o escultor Acisclo Manzano, os murais do Hospital Santa María Nai, a bóveda do Teatro Principal, os muros do cárcere de Pereiro de Aguiar, pintados con Vidal Souto e Alexandro, ou a súa escultura O Mouchiño, en homenaxe a diferentes personalidades da historia social da cidade. Tamén algunhas das obras máis significativas das súas primeiras etapas forman parte da colección de arte do Museo Arqueolóxico e do Museo Municipal; un destes cadros, O ditador, estivo exposto de maneira permanente no Auditorio da cidade. O pasado mes de novembro a Fundación Xaime Quesada Blanco cedeu un número importante de obras para contribuír a humanizar os diferentes espazos do novo hospital de Ourense.
Pola súa banda, as institucións da cidade, o Concello e a Deputación Provincial corresponderon á xenerosidade de Quessada distinguíndoo no 2009 como fillo predilecto. Agora, no décimo aniversario da súa desaparición e 65 anos despois da súa primeira exposición en Ourense, algunhas institucións volven axuntar os seus esforzos para lembrar a súa achega á historia cultural e artística de Galicia. A Sala de Exposicións Afundación, que en 2006 foi sede da súa última mostra na cidade, acolle nas mesmas salas que entón compartiu coa obra do seu fillo Xaime unha selección de obras deseñada desde a vertente testemuñal e comprometida do pintor e coa mirada posta na especial preocupación pola defensa dos dereitos humanos que manifestaría ao longo de toda a súa vida.
A creación intelectual e artística xerou en toda a historia da cultura, sobre todo no século XX, un permanente debate sobre a función da arte e sobre a relación entre o artista, a súa obra e o mundo que o rodea. As preocupacións éticas e sociais aparecen reflectidas con maior forza nalgúns artistas, como é o caso de Xaime Quesada Porto, un pintor profundamente comprometido co seu tempo histórico que deixou pegada da súa particular visión sobre valores éticos de carácter universal, dereitos humanos, solidariedade e pacifismo á vez que denunciaba a intolerancia e os horrores das guerras, a pena de morte e a tortura, a miseria e a fame. En coherencia co percorrido vital e artístico do pintor, esta iniciativa proponse resaltar aquela parte da súa obra pictórica, quizais menos coñecida desde o punto de vista da divulgación, que aparece comprometida social e intelectualmente co mundo do seu tempo desde unha perspectiva galega e universal.
Tendo en conta a magnitude e a gran multiplicidade estética da súa obra, optamos por deixar de lado as súas incursións no territorio da abstracción, o informalismo ou a arte conceptual para centrármonos no amplo universo figurativo que o pintor frecuentou. Atoparémonos pois ante unha obra que vai desde o expresionismo e o postcubismo aos trazos surrealistas, o Pop Art, o Op Art e a nova figuración ou neoexpresionismo, que en ocasións realizaba como homenaxe a aqueles que sempre considerou como os seus mestres e dos que recolleu influencias estéticas que despois transformaba coas achegas propias dos seus trazos pictóricos, do seu sentido cromático ou dos complexos espazos compositivos que conformaban os seus cadros. Quessada recoñecía sen complexos a influencia de Goya, Picasso ou Bacon, consciente de que a historia da arte é o produto dunha constante relación dialéctica entre tradición e renovación, continuidade e cambio no tempo, todo o cal configura as tendencias estéticas dominantes en cada momento da historia.
Óleos, técnicas mixtas e gravados conforman unha exposición en que se amosa a diversidade de camiños estéticos do artista ourensán. As obras representan un compendio de todas as obsesións éticas de Quessada e supoñen un percorrido memorialista por acontecementos e secuelas sociopolíticas que convulsionaron o mundo no século XX. A mostra parte de varios cadros dos primeiros anos sesenta de corte expresionista como Noaia e Personaxes. Desa mesma década son Vietnam ou os dous Holocaustos, estes últimos de trazos marcadamente cubistas, os pequenos “guerniquitas” como lle gustaba chamalos, pintados como “unha homenaxe persoal a Picasso”. Son óleos de gran complexidade compositiva en que predominan os tons grises, brancos e negros, salferidos de leves manchas vermellas que intensifican o sentido dramático dos seres desesperados que cos seus rostros e extremidades claman ante a inxustiza e berran de impotencia ante a violencia da guerra ou da represión.
Nos primeiros anos setenta pinta unha serie de obras de gran repercusión. Esteticamente identificadas co que algúns críticos denominaban “nova figuración”, que non era senón unha corrente neoexpresionista que o emparentaba con Francis Bacon, sitúannos nun tempo histórico de gran compromiso político do pintor. Con Morte nas Pías (1973) achéganos aos acontecementos que convulsionaron a vida de Ferrol e de Galicia en marzo de 1972. Esta obra dificilmente clasificable móstrasenos como produto dunha simbiose estética. Enmarcada por elementos xeométricos recoñecibles nas obras abstractas de Quessada, a acción, o contido e o tratamento da figura humana sitúaa na órbita do expresionismo neofigurativo. Os efectos ópticos que percibe o espectador son como un aceno cromático ao Op Art; o predominio dos tons pastel de azuis, verdes e amarelos, con leves manchas avermelladas achégana á persoal forma de entender a estética Pop, aínda que con máis carga crítica e política, como recoñecía o mesmo pintor. Os seres humanos emerxen no cadro sometidos á violencia da represión e, esvaídos, perden a súa individualidade á vez que as formas se converten en masas corpóreas para evitar a referencia directa aos mortos do 10 de marzo e estender o drama ao conxunto da clase obreira.
Similares conceptos compositivos e estéticos, pero con propostas cromáticas diferentes, atopamos en Pop ficción (1973) ou en Chile, Chile (1974), referencia directa ao golpe de estado de Pinochet e á represión que desencadea sobre a sociedade chilena. En cadros como Incomunicación ou Cientología mantén formas expresivas similares para denunciar a tortura ou a mecanización que invade a sociedade, para «sensibilizarnos ante o illamento individual e colectivo que xera a opresión dun sistema social alienante" que converte o home nun ser acrítico.
Nun segundo bloque de pinturas atopámonos cos títulos da Serie Negra, que nalgúns casos gardan un afastado parentesco estético co Goya dos Desastres da Guerra e noutros co Picasso do Guernica. É unha serie que dá testemuño dos campos de concentración do nazismo como en Auschwitz ou Treblinka; do horror da guerra en La Madre; de alegación contra a pena de morte en Al alba ou El garrote; da represión franquista en títulos como A Julián Grimau, Réquiem no penal de Burgos, Carabanchel ou El TOP (Tribunal de Orde Pública), coas que ilustra o aparello xurídico da ditadura como instrumento de represión dos dereitos humanos durante o franquismo. Nestas técnicas mixtas “podemos apreciar o tratamento que o pintor dá á figura humana e o dramatismo duns rostros que mostran o aterrador berro da inxustiza que lanzan enriba do espectador. As vítimas son o centro e o único referente duns cadros nos que a cor negra domina porque representa a negra noite do franquismo e de todos os horrores do noso tempo. A agresividade cromática do negro contraponse á branca luminosidade dos rostros e agudízase con lixeiras manchas avermelladas e con finas tonalidades ocres que salpican os corpos de homes sós ante a súa execución, mesmo sen a presenza física dos seus verdugos, nunha aterradora soidade ante a morte. Noutras pinturas son as nais as que gritan a súa loita ou choran a súa desesperación ante a violencia irracional que provoca a morte dos seus fillos indefensos. Todas elas son obras que convulsionan as nosas conciencias e convídannos a unha reflexión negativa sobre a condición humana, capaz de crear imaxes reais de violencia e terror dificilmente comprensibles para a razón”.
De finais dos anos setenta son os gravados realizados ao augaforte ou punta seca da serie Imaxe surreal de Galicia, presentes tamén na mostra. As imaxes recollen episodios da historia de Galicia desde a antigüidade ata o final do franquismo ou rememoran figuras históricas como Rui Xordo, referencia á resistencia dos hirmandiños, ou Castelao como homenaxe ao galeguismo republicano. A súa visión da nosa historia mostra a súa coherencia ideolóxica aínda sendo consciente de que nos ofrece unha fusión entre lenda e realidade histórica, como “unha desorde ordenada” que el mesmo explicaba na introdución á edición en offset que realizou para a editorial Akal “ Chámolle surreal á imaxe non por ser un mecanicismo psíquico, senón por latexar os contidos da imaxe por debaixo da obxectiva realidade… Nas imaxes deste libro os mitos e a lírica lendaria marchan paralelos á épica libertaria do meu país na súa loita de clases que foi e segue a ser moita”.
No período entre séculos, Quessada volveu sentir a necesidade de plasmar no seu traballo o horror da guerra e as secuelas de destrución, miseria e desolación que os focos de conflitividade bélica deixan tras de si. Desta mesma época e relacionadas coa explosión memorialista que invadiu o escenario social, historiográfico e intelectual español, son as pinturas que forman unha serie sen finalizar que recolle varias obras baixo a denominación Labirinto español cuxo contido recrea en parte a serie negra aínda que con formato, técnicas e sentido cromático diferentes da orixinal. Próximo e á vez afastado do Picasso do Guernica ou do Goya de Los Desastres de la Guerra e El 2 de Maio, Quessada volve homenaxear os seus mestres nunha sorte de mestizaxe estética indubidablemente quessadiana.
José Gómez Alén, Quessada. Los Derechos Humanos. Testimonios, catálogo exposición Parlamento Europeo, Estrasburgo, 2007.