Exposición NÓS TAMÉN FOMOS EMIGRANTES. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no s. XX, en Samos
Biblioteca de Samos, Rúa da Torre, 6 | SAMOS
Trátase dunha valiosa escolma fotográfica da Axencia EFE que nos leva a esa realidade histórica da emigración, galega e española, a través dunha síntese de corenta imaxes tiradas coa ollada profesional e humana dos fotoxornalistas da época.
Este é un proxecto de Corrente Cultural, unha iniciativa coa que promovemos desde Afundación, a Obra Social de ABANCA, e ABANCA un circuíto expositivo por diferentes vilas da xeografía galega, e en colaboración cos concellos ou outras entidades locais.
Esta exposición enmárcase dentro do noso programa solidario CULTURA POR ALIMENTOS. Achégate a visitala coa túa doazón de alimentos non perecedoiros. Todo o recadado irá destinado a axudar os bancos de alimentos locais, ao abeiro de FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos.
«Nós tamén fomos emigrantes» recolle unha escolma de imaxes dos arquivos da Axencia EFE que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. Son retratos próximos que narran as circunstancias vitais da xeración das nosas nais e pais e tamén de avós e avoas, que abandonaron a súa terra na procura dun futuro mellor.
«A esencia dun fotógrafo é estar no lugar onde se produce a nova. Un dos grandes da fotografía xornalística, Robert Capa, que foi correspondente de guerra en moitas frontes e acabou morrendo ao pisar unha mina en Indochina, dicía que cando a foto non é boa é porque o fotógrafo non estaba preto dabondo. A exposición preséntanos, en branco e negro, unha síntese das nosas emigracións plasmada por fotoxornalistas de EFE. É a historia de milleiros de persoas que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir. Son os anos cincuenta, sesenta, décadas de fame, de subdesenvolvemento, de falta de liberdade, mais tamén de construción, de aforrar a peseta para un arelado retorno».
Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE de 1996 a 2004.
CORRENTE CULTURAL
Este proxecto Corrente Cultural é unha aposta de ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, para espallar cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.