Exposición LUME. Imaxes dunha terra que arde, en Vilagarcía

En colaboración co Colectivo OLLO e, desta volta, co Concello de Vilagarcía de Arousa, presentamos o proxecto expositivo, "LUME. Imaxes dunha terra que arde", unha colección de fotografías de Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Adra Pallón, Óscar Pinal e Paula Quiroga, sacadas durante os últimos 15 anos en Galicia, co obxectivo de abordar unha das problemáticas máis preocupantes dos ecosistemas galegos: os incendios forestais. A través das imaxes e da peza audiovisual que conforman este proxecto, trázase unha narrativa sobre os incendios que xera preguntas e respostas na persoa espectadora. De maneira sensible, mais reflexiva, fixámonos nas causas e as consecuencias desta lacra que cada verán asola Galicia. Poderase ver ata o 30 de xullo nas rúas de Vilagarcía de Arousa.
- Fotografía/audiovisual: Vanessa Casteleiro | Óscar Corral | Agostiño Iglesias | Brais Lorenzo | Adra Pallón | Óscar Pinal | Paula Quiroga
- Coordinación e deseño: Dispara/Tono Arias
- Asesoría: Plantando Cara ao Lume, proxecto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela e dirixido por Agustín Merino
A EXPOSICIÓN
Os incendios forestais son un dos grandes problemas ambientais aos que se enfronta Galicia. A través da mirada íntima dos fotoxornalistas e as sensacións que as súas imaxes trasladan, o obxectivo é apelar directamente ao espectador para, a través das emocións, implicar á cidadanía na busca da solución a este desafío. Os autores e autoras son profesionais da fotografía e do audiovisual independente, que desenvolven o seu traballo para diferentes medios galegos e nacionais, mais desenvolven un labor fotográfico paralelo máis persoal enfocado cara ao documentalismo pausado. Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Adra Pallón, Óscar Pinal e Paula Quiroga son os nomes que están detrás das imaxes que conforman a exposición. Trátase de escenas impactantes, que amosan as sensacións da experiencia vivida pola poboación que tivo que sufrir un incendio, así como da experiencia dos traballadores e traballadoras implicados nos labores de extinción, invitando así a crear un espazo para a reflexión.
O novo panorama medio ambiental que se nos está a presentar, así como a propia acción do ser humano no territorio, contribúen a alterar os réximes dos incendios. Así, debemos traballar conxuntamente nunha mirada renovada fronte ao lume, achegando novas liñas de traballo alén da extinción na que a implicación cidadá é vital. A experiencia demostra que poñer o foco na sensibilización e prevención axuda a que a poboación estea máis preparada e as paisaxes sexan máis resistentes ante o lume.