Última fin de semana: «Jorge Castillo. A visión dunha obra». A Coruña
Aproveita a nosa oferta de visitas guiadas gratis para público xeral estes últimos días da exposición:
A Sede Afundación A Coruña abre as súas portas á mostra «Jorge Castillo. A visión dunha obra», comisariada por Pilar Corredoira. Do 20 de febreiro ao 2 de xuño goza dun dos grandes mestres da pintura contemporánea europea da segunda metade do século XX, un dos nosos artistas máis internacionais.
A exposición reúne un conxunto de pezas, a maioría pinturas, que fan referencia e sitúan os diferentes intres creativos de Jorge Castillo entre 1952 e 2017. Máis de medio século de actividade continuada e incansable que reflicte a singularidade e independencia do seu universo.
O imaxinario da súa obra céntrase no debuxo e nunha extensa variedade de proxectos que amosan o seu talento na pintura, o gravado, a ilustración, a escenografía ou o cinema. Castillo observa o mundo cunha destacada vea poética e unhas calidades narrativas que é quen de levar aos seus cadros. Figuras illadas ou en grupo, actores, clowns, naturezas mortas, paisaxes urbanas, plantas, animais, mesas desestruturadas, inmortalizadas en escenarios intemporais, cunha particular gama cromática, encádranse nunha atmosfera irreal, nun espazo transitable coa súa propia particularidade vital.
Nesta mostra que percorre a súa obra poderemos deternos nalgúns dos seus momentos creativos máis sobresaíntes, marcados por unha personalidade inqueda e viaxeira. Diferentes cidades de Europa e América foron a súa casa por intres e as súas pinturas deixáronse querer por cada unha delas, foron un marco para a súa obra, entrando nela non só como meras paisaxes urbanas, senón tamén como entes culturais, históricos, artísticos ou literarios. Bos Aires, Madrid, París, Barcelona, Xenebra, Boissano, Berlín, Nova York, Xerusalén, Ibiza, Helsingborg conforman un conxunto contrastado de culturas e paisaxes que o artista integra no seu universo creativo, mais sen renunciar á súa esencia.
As inquedanzas estéticas e tamén éticas de Castillo pódense percibir en cada etapa do seu traballo, que foi ferramenta de reivindicación, de protesta cara a situacións que afectan ás vidas das persoas, de realidades políticas e sociais. A faceta humana do artista sae a relucir nas súas creacións.
Para este proxecto expositivo temos a sorte de contar coa magnífica axuda do propio Jorge Castillo, quen nos puxo ao alcance o seu obradoiro de Madrid, os seus recordos e vivencias, opinións sobre aspectos das súas etapas vitais ou as súas preocupacións actuais, reflectindo a súa intensa implicación e unha enerxía fóra do común. Deunos a posibilidade de presentar unha exposición cun valor histórico especial.
DIDÁCTICA
As viaxes de Jorge Castillo e unhas frangullas de pan. Infantil a 3º de primaria.
Espazo e tempo suspendido. 4º de primaria a 2º de ESO.
Jorge Castillo. A visión dunha obra. 3º de ESO a bacharelato e ciclos formativos.
Prezo 1 € / escolar
Información e reservas 981 185 060 ou areaeducativacoruna@afundacion.org
BIOGRAFÍA DO ARTISTA. Por Pilar Corredoira
Jorge Castillo Casalderrey nace en Pontevedra en 1933. Pasa a súa infancia e mocidade en Bos Aires, cidade que exerce unha notable influencia nos primeiros anos de adolescencia e mocidade. De formación autodidacta, asiste en 1949 ao obradoiro dos artistas arxentinos Raquel Forner e Alfredo Bigatti. Atráelle o cubismo sintético, estuda a obra de Picasso, interésase por Rubens, establecendo estreitas relacións entre o pasado e o presente. As súas primeiras obras, pinturas e debuxos, xa mostran signos de acusada individualidade.
En 1955 trasládase a España. En Madrid, o crítico José María Moreno Galván organiza a que será a súa primeira exposición individual no Colegio Mayor Guadalupe. A Galería Biosca de Madrid, dirixida por Juana Mordó, vende os seus debuxos. Comeza a darse a coñecer con éxito e axiña chegan as primeiras saídas expositivas ao exterior, adquirindo logo unha notable proxección internacional. En 1960 é seleccionado para a Bienal de São Paulo. As galerías Diário de Notícias de Lisboa, Bodley de Nova York, Hobbs de San Francisco, André Schoeller e Raymond Cordier, de París e Tokio, mostran a súa obra, esencialmente debuxos e pinturas.
En 1964 Castillo instálase en París. Nese mesmo ano, obtén o Premio Darmstadt de Debuxo. Afonda na experimentación escultórica. O galerista e marchante suízo Jan Krugier, inclúeo entre os artistas da súa representación. Son anos de intensa actividade artística diversificada en pintura, debuxo, obra gráfica e escultura. En 1966 trasládase á localidade italiana de Boissano. De novo abre taller, mantendo vínculos de amizade con destacadas personalidades do mundo da arte europea, entre elas Werner Haftmann, director da Nationalgalerie de Berlín, René Berger, director do Museo Cantonal de Belas Artes de Lausana, Gualtieri dei San Lazzaro, director da revista XX Siècle. Entre 1966 e 1967 leva a cabo a serie de debuxos e pinturas sobre o accidente de Palomares. O resultado final será o Tríptico Palomares, obra seleccionada para a documenta IV de Kassel, en 1968, exposta nun espazo individual na macro exposición alemá.
Comeza unha serie de gravados no Centre genevois de gravure contemporaine de Xenebra. Entre 1968 e 1970 realiza ao redor de trescentas augafortes e litografías. En 1969 é invitado polo Consello de Intercambio Académico alemán a vivir e traballar durante un ano en Berlín; a estancia prolóngase ata 1976. Nese tempo, Castillo traballa intensamente en obras de grandes dimensións, consolidando o seu universo creativo. As primeiras obras que saen do seu estudio berlinés son mostradas, escollidas con tino, nunha exposición individual que organiza Werner Haftmann, na Nationalgalerie de Berlín, en 1970.
En 1972, Bernd Krimmel organiza unha ampla exposición que abrangue máis de duascentas obras de Castillo e ao ano seguinte, a Kestner-Gesellschaft de Hannover realiza unha completa revisión da súa obra gráfica, con texto introdutorio de Wieland Schmied. En 1975, por encargo da Ópera de Berlín, realiza os decorados e debuxos do vestiario para a ópera barroca La Calisto de Francesco Cavalli.
En 1976 trasládase a Barcelona. A Propyläen Verlag de Berlín publica a primeira monografía sobre Castillo dedicada por enteiro ao período berlinés. Coleccionistas norteamericanos comezan a adquirir a súa obra e, nese contexto de interese, a Lefebre Gallery de Nova York organízalle unha exposición individual en 1979.
En 1980 instálase en Nova York. O impacto da cidade déixase sentir na obra creada durante o longo período de estancia. Do seu obradoiro do Soho saen abraiantes pinturas que captan a grandiosidade e contrastes da capital norteamericana. En 1983 a Galería Marlborough de Manhattan abre unha mostra baseada en debuxos e acuarelas. A Rizzoli International Publications de Nova York e Edicións Polígrafa de Barcelona publican a monografía Castillo, que inclúe debuxos realizados entre 1980 e 1983, escrita por Carter Ratcliff. En 1987, o Guggenheim Museum adquire a obra Girl Reclining III.
En 1988 a Fundación Veraneman leva a cabo unha exposición individual, e na VIII Bienal Internacional de Pontevedra móstranse, por primeira vez en España, unha decena de lenzos de gran formato, da serie Paisaxes urbanas de Nova York. No outono dese mesmo ano, a Galería Marlborough exhibe no seu espazo da rúa 57, de Manhattan, 42 obras desa temática urbana.
En 1990 viaxa a Israel, invitado polo Centro Internacional de Arte de Xerusalén. A estancia prolóngase durante seis meses. En 1991 Castillo fixa a súa residencia en Ibiza, e abre a Sede da Fundación Jorge Castillo en Madrid. En 2006 decide volver residir parte do ano en Nova York e pinta obras de gran formato, renovando o seu estilo e técnica. En 2010 mostra unha selección das últimas obras realizadas en Ibiza e na Galería Leandro Navarro de Madrid. En 2012, acompañado pola súa muller Yola Quirós, viaxa a Suecia, a Helsingborg, onde durante dous anos se centra na creación dunha serie de paisaxes pintadas do natural, que recollen a atmosfera do inverno nórdico. En 2015 publícase a monografía Jorge Castillo en Suecia, con textos de Vicente Valero e Yola Quirós