Exposición INDÓMITAS. Historias que abren camiños, en Lugo

A mostra INDÓMITAS chega agora á Sede Afundación Lugo para que coñezamos o traballo de doce mulleres afoutas, abrindo camiños nada doados a partir das súas diferentes apostas profesionais. Podes visitala ata o 21 de xaneiro de 2023.
VISITA GUIADA INAUGURAL | 19 OUT | 18.30 h
Con SILVIA OVIAÑO | comisaria
faladoiro MULLERES INDÓMITAS. HISTORIAS INSPIRADORAS | 9 NOV | 19.00 h | Inscríbete AQUÍ
Con Carmen Lens do Grupo Leche Río, Laura Lorenzo de Daterra Viticultores, e Patricia González xogadora do Pescados Rubén Burela FS. Modera Silvia Oviaño.
O proxecto, enmarcado no ODS número 5 de igualdade de xénero, reflexiona sobre o momento decisivo actual no ámbito da equidade entre xéneros, presentando estas mulleres que foron pioneiras de diferentes xeitos nos seus ámbitos e que son modelo tanto no momento presente como para as vindeiras xeracións.
Esta mostra audiovisual artéllase en torno a cinco indómitas do ámbito español, e sete do galego con historias moi diferentes tras de si: Paula Mouzo, percebeira de Camariñas; Laura Lorenzo, viticultora na Ribeira Sacra; Luisa Méndez, escaladora; Lula Goce, artista urbana e muralista; Tanxugueiras, grupo musical integrado por Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío; Nuria Bravo, pilota de helicópteros; Rocío Antela, mineira e enxeñeira de minas; Teresa Bedman, exiptóloga; Almudena Bernabeu, avogada especializada en dereitos humanos; e Alicia Sornosa, primeira española que deu a volta ao mundo en moto en solitario.
Todas elas representan modelos inspiradores en profesións e ámbitos tradicionalmente non conquistadas por mulleres. Grazas a estes exemplos, enriquécense os referentes de cara a construír unha sociedade máis xusta, tolerante e equitativa. O traballo fotográfico e audiovisual asínano os recoñecidos autores Ofelia de Pablo e Javier Zurita, quen viaxaron por máis de 70 países documentando temas de dereitos humanos e ambientais. En 2011 fundaron Hakawatifilm, unha produtora dedicada a contar historias que espertan conciencias e avogan por un cambio positivo. A compañía está á vangarda da linguaxe multimedia, xerando traballos que foron amplamente recoñecidos no mercado internacional e publicando para varios dos mellores medios do mundo: The Guardian, The New York Times, Der Spiegel, National Geographic ou TIME, entre outros. Foron xurado de importantes concursos internacionais e imparten charlas e obradoiros como Canon Pro Master. «Indómitas» é o primeiro proxecto que levan a cabo en España.
O comisariado e textos de «Indómitas» corresponden a Silvia Oviaño. Con grande experiencia no ámbito da fotografía, Oviaño destaca como comisaria de exposicións e xestora cultural con proxectos creativos e de marcado ton comprometido. É fundadora de Caravan Proyectos de Cultura e do Festival Mar de Mares. Entre outras, comisariou exposicións como «Terras de salitre. Cristina Mittermeier», que itinerou polas sedes de Afundación.
ACTIVIDADES EDUCATIVAS
Visita obradoiro STEAM | INFANTIL A 3º PRIMARIA | 2 € escolar
Dime espelliño máxico quen é a moza máis intelixente e capaz… A madrasta de Brancaneves xa non é mala e Brancaneves cansou de limpar. Neste lugar xa nada é o que semella e todo é o que quere aparentar...
Visita obradoiro STEAM | 4º PRIMARIA A 2º ESO | 2 € escolar
Contos para reescribir. Menos mal que estamos todas e todos nós para poñérmonos no noso sitio e darlle un bo lugar ao resto de persoas.
Visita obradoiro | BACHARELATO e C.F. | 2 € escolar
Indómitas. Historias de superación, historias de igualdade.
Información e reservas: areaeducativalugo@afundacion.org | 636 991 776
Esta exposición enmárcase na iniciativa CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora, achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros ao acceder á exposición.
AQUÍ máis información.




__default.jpg)
