Exposición GALICIA de Nós a nós. Ourense

O 24 de febreiro inauguramos «Galicia, de Nós a nós», unha exposición promovida pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense, en colaboración con Afundación, que conmemora o centenario da publicación da revista Nós. Poderase visitar na Sala de Exposicións Afundación de Ourense e tamén unha parte no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Con máis de 300 pezas, cedidas por máis de 60 institucións e prestadores privados, trátase da mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós, grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galegas. Visítaa ata o 18 de abril de 2021.
Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo.
Exposición sobre a Xeración Nós, enfocada na creación do gran proxecto que supuxo a Revista Nós, un dos referentes imprescindibles da cultura galega do século XX. Con obras procedentes de diferentes países, Francia, Alemaña e Portugal, ponse o foco nas conexións universalistas da ideoloxía deste grupo de galeguistas nos anos 20 e 30, ofrecendo unha dimensión internacional e aperturista da nosa cultura.
Levándonos desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata os nosos días, a mostra permite contemplar obras que foron obxecto de estudo da revista, como o Santiago de Morlaix, o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense ou o ronsel de Florderrei Lanuxe. Ademais, reúne por vez primeira documentación de distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas.
Esta exposición da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense, móstrase na cidade ourensá en colaboración con Afundación.
CULTURA SEGURA. Medidas de prevención COVID
-Asistencia obrigada con máscara