Exposición FILLOS DO OCÉANO en Muxía
__maxwidth__narrow.jpg)
CENTRO SOCIAL do Edificio da Camposa [Rúa A Camposa, s/n, MUXÍA]
Enchóupate da mellor fotografía de Javier Teniente. Galicia, O Senegal, Andalucía, Nicaragua, A India, Sri Lanka, O Brasil, Panamá, Madagascar, O Vietnam, Noruega, Indonesia... as comunidades de pescadores artesanais de todo o mundo son as protagonistas desta mostra que reúne imaxes únicas.
«Fillos do océano» é unha homenaxe a todos os mariñeiros artesáns que viven do mar e para o mar; ámano, venérano e obteñen del todo o preciso para a súa supervivencia. Mais pretende tamén ser unha chamada de atención sobre a vulnerabilidade dos ecosistemas mariños, para que respectemos e preservemos os océanos da destrución que hoxe ameaza este medio tan fráxil e indispensable para a nosa supervivencia. Só así, conservando e respectando o medio natural, se manterán estas ancestrais culturas ligadas á pesca tradicional e artesanal.
JAVIER TENIENTE
Inicia o seu traballo profesional nos diarios Faro de Vigo e Atlántico Diario, nos que desenvolve o seu labor como fotógrafo de prensa durante varios anos, ata considerarse a si mesmo preparado para emprender o seu percorrido como reporteiro. Esta nova etapa levarao dun extremo a outro do mundo, cubrindo algúns dos máis importantes acontecementos das últimas décadas. Na actualidade traballa como fotógrafo independente, representado pola axencia Getty Images. As súas fotografías foron publicadas nalgunhas das revistas e xornais máis importantes de España, como El País Semanal, Geo, Interviú, Magazine de La Vanguardia, El Mundo ou Tiempo. Entre os anos 1998 e 2005 colaborou como fotógrafo coa ONG Médicos do Mundo e cubriu conflitos bélicos e catástrofes naturais en diferentes lugares do mundo, entre os que cómpre destacar os traballos realizados en Centroamérica (Furacán Mitch 1998), Kosovo (1999), Timor (1999), Iraq (2003), Haití (2004) ou o tsunami en Banda Aceh, Indonesia (xaneiro de 2005). Gañou en dúas ocasións o prestixioso Premio Internacional Luis Valtueña de fotografía Humanitaria (2003 e 2005), ademais de recibir o Premio Galicia de Comunicación (2004) e unha mención especial nos Premios Ortega e Gasset de Xornalismo (2006).
Esta mostra encádrase dentro do proxecto CORRENTE CULTURAL, unha aposta de ABANCA e Afundación para espallar cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.
Actividade do Xacobeo 21-22
MEDIDAS DE PREVENCIÓN COVID
Exposición con todas as medidas de seguridade pertinentes para que poidas volver gozar da arte e a cultura como o fixeches sempre.
- Asistencia obrigada coa máscara