Exposición SANTIAGO DE COMPOSTELA NO TEMPO en Santiago

Esta exposición forma parte do proxecto global CIDADES NO TEMPO, con que pretendemos poñer en valor a identidade urbana de Galicia a través de sete exposicións sobre cada unha das sete cidades galegas. Esta que nos ocupa, SANTIAGO DE COMPOSTELA NO TEMPO, enfócase na cidade do Xacobeo coas súas singularidades a nivel social, cutural, arquitectónico, histórico, etc. Con ela arrinca o periplo expositivo que irá recalando en Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e finalmente Ourense, nun calendario que chega ata o 2024. Agora centrámonos en Santiago ata o 10 de setembro de 2022.
Esta proposta é unha das máis complexas e ambiciosas organizadas na nosa comunidade nos últimos anos. En cada exposición reivindícase a Galicia urbana como compoñente clave da identidade galega, cun legado que se remonta séculos na nosa historia. Así, explora a singularidade de cada unha das cidades, diferentes entre si, pero á vez fortemente conectadas.
COMISARIO | MANUEL GAGO
VISITAS GUIADAS gratuítas
con MANUEL GAGO
xoves 9, 16, 23 e 30 XUÑ | 7, 14 e 21 XUL | 8 SET
19.00 h
Acceso libre ata encher a capacidade (12 pax.)
A EXPOSICIÓN
O proxecto destaca pola aposta tecnolóxica interactiva e gráfica, que ten por obxectivo ‘facer visible o invisible’ e observar de maneira global o que non podemos percibir na nosa experiencia individual. A través de diferentes tecnoloxías que combinan a investigación con desenvolvementos técnicos pensados especificamente para o proxecto, as e os visitantes poderán acelerar o tempo da cidade, descubrir padróns visuais ocultos na trama urbana (no mobiliario urbano, nas rúas, fachadas e ornamentacións) ou facer que o propio vecindario sexa quen descubra historias ocultas de espazos urbanos relevantes.
Para mostrar e comprender todos estes procesos, bota man de recursos diversos como son os modelos tridimensionais, obxectos históricos, documentos escritos (planos, deseños, proxectos) e audiovisuais, fotografías, ilustracións ou obras de arte. Todos estes elementos distribúense a través das seccións Mitos e orixes, Tramas, Escenarios, Padróns, Cidade narrada e Cidade que nos contamos.
Un extenso equipo de especialistas nutren o proxecto, contando co comisariado de Manuel Gago. Conta ademais co traballo de máis de sesenta profesionais, en asesoramento, coordinación e formando parte de comités científicos locais, expertos e expertas procedentes de campos tan diversos como a Xeografía, a Antropoloxía, a Filoloxía, a Arquitectura, a Comunicación ou a Historia; aos que hai que sumar os equipos de produción audiovisual, arte e contidos interactivos.
Un dos atractivos das pezas exhibidas en Santiago é o LIBRO DAS HORAS DE FERNANDO I (1055), considerado coma o libro máis antigo conservado en Galicia. De modo excepcional poderemos desfrutar nesta exposición desta xoia da cultura medieval durante o prazo dun mes, tras o que será substituído por un detallado facsímile.
DIDÁCTICA
Obradoiros de verán para fomentar a creatividade.
5 a 12 anos | 11.30 a 13.30 h | prazas limitadas
I. 28 XUÑ - 1 XUL
II. 5 XUÑ - 8 XUL
III. 12 - 15 XUL
IV. 19 - 22 XUL
V. 26 - 29 XUL
Prezo: 15 € semana completa / 5 € día
Máis info 981 552 577 | [email protected]
Á venda AQUÍ en Ataquilla.com
MANUEL GAGO
Doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, dirixe a plataforma de divulgación cultural culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega e é profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Tras comisariar exposicións como «Galicia, un relato no mundo» ou «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura», sitúase agora á fronte dun dos proxectos expositivos de maior complexidade técnica, contribuíndo a facer visible o traballo de décadas de investigación por parte de investigadores locais ao redor das cidades galegas.
CIDADES NO TEMPO
O proxecto explora o modelo urbano galego, conformado por pequenas cidades ‘híbridas’ que se imbrican coa paisaxe e fortemente vinculadas. Unha malla urbana que conforma a base da gran ‘cidade xardín’ soñada polos intelectuais de Galicia ao longo do século XX.
Cada exposición é unha indagación interdisciplinar ao redor da herdanza das sete grandes cidades de Galicia, e como ese legado colectivo se conecta coa nosa identidade e memoria individuais. Por iso, exploramos a cidade non só a través das súas trazas urbanísticas e históricas, senón tamén do patrimonio inmaterial que foi conformado ao longo do tempo e que converte a cidade nun espazo de vida, interacción social e memoria. A través da antropoloxía, a lingua, a xeografía, a literatura ou as artes descubriremos o longo e rico proceso de conformación das identidades urbanas de Galicia.
A mostra evidencia tamén o carácter singular e diverso de cada unha das cidades. Cada unha conta un relato propio que se constrúe no tempo e que representa tamén unha parte da nosa sociedade. CIDADES NO TEMPO parte do mito fundacional que recoñecemos en cada unha das sete grandes urbes (Vigo e a industralización, Lugo e a conquista romana, Santiago e as reliquias do Apóstolo…) e compárao coa realidade documentada a través da historia para revelar o que contan e o que esconden de si mesmas.
«Cidades no tempo», un dos grandes proxectos do Xacobeo 2021-2022, está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, a Obra Social de ABANCA.








