Exposición CASTELAO GRAFISTA (Facsímile) en SOUTOMAIOR
Sala de exposicións do Edificio Multiusos de Arcade (rúa do Peirao, 8) | SOUTOMAIOR
Caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña, 1886 – Bos Aires, 1950) constitúe o foco desta mostra que reúne unha ampla selección das súas múltiples facetas. Con este proxecto de difusión internacional, divulgamos a obra e o pensamento dun dos creadores galegos máis singulares, en países dos cinco continentes ao longo dos últimos anos. Agora, dentro do programa CORRENTE CULTURAL, levámolo a cada punto da nosa xeografía para que toda a poboación sexa coñecedora e goce das súas creacións e das súas inmensas achegas á nosa historia máis recente. Presentamos CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE).
COMISARIO | Miguel Fernández-Cid
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así e todo, pódense ver 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais, tamén se pode ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.
(...) Castelao realiza comentarios gráficos descritivos da realidade e costumes galegos, pero pronto a súa obra adquire un ton de compromiso –ético,social,político– que nunca perderá, ata converterse nun dos principais ideólogos do pensamento nacionalista.Como figura central da cultura contemporánea galega e como auténtico impulsor dun proxecto nacional, propio e distintivo, non se é ecuánime perante Castelao, ao que con frecuencia se lle esixe máis que a ninguén, esperando que estea sempre na excelencia, na frescura, na sagacidade. (...) Fernández-Cid, Miguel, "Castelao grafista" en Castelao grafista, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando / Fundación MAPFRE / Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Madrid, 2017.
Desde Afundación Obra Social ABANCA colaboramos co proxecto expositivo sobre o insigne Castelao itinerando a mostra polos nosos diferentes espazos durante os dous próximos anos.