Mostra: «Auga. O sangue da terra». Ponteareas
Ponteareas recibe a mostra do fotoxornalista Manuel Valcárcel, «Auga. O sangue da terra», un proxecto con que o monfortino amosa a realidade de rexións coma Nova Zelandia ou o propio río Lor, na provincia de Lugo, para concienciar sobre a importancia da auga, o elemento que nos sustenta. As imaxes amosan o poder que a rodea e como o seu desequilibrio nos enfronta a un problema de grandes magnitudes. A sensibilidade con que Valcárcel recolle as instantáneas nese lado máis artístico do seu traballo, contraponse a unha denuncia aberta co fin de concienciar. Visítaa do 31 de maio ao 24 de xuño no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas (Rúa Doutor Fernández Vega, 15).
A través do noso programa CORRENTE CULTURAL, e desde o ano 2018, puidemos ver a mostra en Tui, Ribadavia, A Estrada, Ordes, Foz, Fisterra, Sarria, A Guarda, Padrón, A Rúa e Burela. Buscamos que a cultura sexa para todas e todos, sacando os proxectos a percorrer país, fóra dos edificios de Afundación, a obra social de ABANCA.
A MOSTRA
Este proxecto fotográfico de Valcárcel quere concienciar a poboación sobre a importancia do uso racional e responsable da auga. Para conseguir as impactantes imaxes viaxou a algúns dos recunchos máis remotos do planeta azul: Nova Zelandia, o río Ganxes, as plantacións de arroz da China, Níxer ou o deserto de Atacama, así coma ao lucense río Lor, onde a presenza ou a ausencia da auga determinou culturas, paisaxes e ecosistemas.
Manuel Valcárcel transmite a súa mensaxe: «A auga, elemento vital ao que quixen render humilde homenaxe en comparación co que representa, parte de todo o que somos e todo o que crea. Elemento vital que debe ser motivo de unión e xamais de discordia. Elemento que debemos coidar e protexer porque marcará o devir das xeracións vindeiras, porque quen somos os seres humanos para crernos por enriba da nai natureza?, que escultura existe tan fermosa coma, por exemplo, a elaborada pola auga na praia das Catedrais na costa lucense?, ou que viaxe máis sinxela e á vez máis trepidante, cá dunha folla caendo ao río, deixándose arrastrar pola súa corrente ata chegar ao mar?».
A mostra distribúese en tres bloques:
Os estados da auga recolle fotografías tomadas en Nova Zelandia e Galicia. No primeiro caso o traballo centrouse en plasmar o paso da auga en estado sólido a líquido e, ao mesmo tempo, os puntos de unión entre a montaña e o mar. O leito do río Lor, no Courel, é o protagonista galego: «Neste caso tentouse plasmar visualmente os cambios que ofrece un río ao longo do ano. Non só como fluxo de auga senón, especialmente, coma a materia que crea recunchos, texturas, cores que van cambiando co paso das estacións».
A auga e a vida sitúa a ollada sobre Asia, en dous lugares diferentes. Un deles é Varanasi, Río Ganxes, na India, onde a auga é algo máis ca materia en calquera estado. O Ganxes forma parte da vida espiritual dos hindúes; por iso é un lugar de peregrinación ao que se achegan multitude de persoas a se somerxeren nas súas augas durante a súa vida e a fundirse con elas, na súa morte. O outro lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga ten dado lugar a unhas paisaxes marcadas pola actividade humana. Alí as ladeiras reconstruíronse, cubertas na súa totalidade por terrazas en que se cultiva o arroz.
Vivindo na escaseza ocúpase da escaseza e ausencia da auga. Para iso seleccionáronse outros dous lugares, un en África, concretamente en Malí e outro en América, en Chile. No primeiro caso, plásmase a vida dos pescadores Bozo que, aproveitando a época seca, recollen todo o pescado que poden no río Níxer para ilo vender polas aldeas. No segundo caso, optouse pola rexión de Antofagasta, no Deserto de Atacama, onde a actual ausencia da auga propicia a existencia dunha paisaxe lunar.
Velaquí a páxina web do artista para te informares de todos os seus traballos www.manuelvalcarcel.com
CORRENTE CULTURAL
Este proxecto é unha aposta de ABANCA e Afundación, a obra social de ABANCA, para espallar cultura por toda Galicia, chegando aos diferentes concellos e contando coa súa colaboración. Buscamos construír unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.