Exposición A NOSA ARTE. Colección do Parlamento de Galicia, en Ourense

CLAUSURADA!
A Sala de Exposicións Afundación de Ourense acolle a mostra A NOSA ARTE. Colección do Parlamento de Galicia do 21 de xuño ao 21 de outubro de 2023. Achégate a ela e afonda nas diferentes perspectivas da arte galega do século XX e comezos do XXI.
comisariado | MARÍA VICTORIA CARBALLO CALERO, FELIPE SENÉN e CARLOS VALLE
O Parlamento de Galicia, cerne da autonomía política da Comunidade, atesoura unha das máis valiosas e variadas coleccións públicas de arte galega contemporánea. Un auténtico tesouro froito da talento creativo dos seus autores e autoras e tamén do compromiso inequívoco coa arte galega dos diferentes equipos reitores da Cámara lexislativa. Un tesouro, en suma, que é de todos e para todos, e tamén unha ferramenta poderosa de difusión da nosa cultura, dentro e fóra das nosas fronteiras xeográficas.
A dimensión cuantitativa e cualitativa que esta colección de arte foi adquirindo co paso do tempo, desde aquel arredado 19 de decembro de 1981, cando o Parlamento de Galicia botaba a andar nunha sede que nin sequera era de seu, o arcebispal Pazo de Xelmírez, fai que cada día nos sintamos máis orgullosos dela, ao tempo que redobramos os esforzos para a dar a coñecer, tanto entre os expertos como entre o público en xeral.
Dun tempo a esta parte, o Parlamento de Galicia está inmerso nunha estratexia de apertura á sociedade co obxectivo de que a xente nos coñeza mellor, porque —hai que o recoñecer— o Poder Lexislativo segue a ser, e non só en Galicia, un gran descoñecido.
Con ese obxectivo impulsamos diferentes iniciativas orientadas a facilitar as visitas á nosa sede, o Pazo do Hórreo, durante as cales os seus protagonistas teñen ocasión de se achegaren ao universo creativo galego do século XX e de comezos do XXI.
Por fortuna, desde hai máis de catro décadas, España e Galicia viven e exprésanse en liberdade, ceibes de cadeas en virtude da Constitución e o Estatuto de Autonomía. A orixinalidade artística de Galicia pode tamén parabenizarse, pois protagoniza un rexurdimento vizoso, e a todos os seus creadores —pasados, actuais e futuros— rendemos tributo na mostra A NOSA ARTE.
Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia
Podes descargar abaixo de todo o folleto dixital da mostra.
En colaboración co Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes.