Exposición EMOCIÓNS EN PERIGO, en Sanxenxo
Porto Deportivo Juan Carlos I | SANXENXO
O recoñecido fotógrafo británico Tim Flach chega a Sanxenxo coa súa exposición EMOCIÓNS EN PERIGO. Despois de ter estado na capital galega, a mostra bríndalles agora á cidadanía e visitantes da cidade lucense, a posibilidade de percorrer unha impactante colección de imaxes sobre animais cun enfoque alternativo: a emocionalidade. Non perdas a oportunidade de coñecer o seu traballo ata o 29 de agosto.
A obra de Tim Flach, un dos fotógrafos de animais máis recoñecidos a nivel global, chega por primeira vez a España. «Emocións en perigo» achega unha selección de 45 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos. Flach asegura que con este proxecto quere «conectar as persoas coa natureza» rompendo as barreiras que parecen levantarse entre nós. A clave está en fomentar a empatía cos retratados ao salientar as súas emocións.
TIM FLACH (Londres, 1956) quere promover a través da súa obra unha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. «O noso futuro depende diso», defende o fotógrafo.
Na súa dilatada traxectoria, Tim Flach traballou con entidades do talle do National Media Museum en Reino Unido, o Museo de Historia Natural de Suecia, National Geographic ou o xornal The New York Times. É membro honorario da Royal Photographic Society e recibiu o Premio Honorario Doutoramento da Universidade das Artes de Londres. Na actualidade é presidente da Asociación de Fotógrafos Británicos e Europeos (AOP).
Podes ver aquí a entrevista a Tim Flach en AfundacionTV
A exposición «Emocións en perigo» reúne imaxes do proxecto de Flach Ameazados, que levou o fotógrafo a retratar especies en extinción en todo o mundo. En lugar de enmarcalos no seu hábitat natural, Tim Flach optou por retratalos sobre fondos neutros, salientando a personalidade de cada especie e mostrando nalgúns casos actitudes e emocións que habitualmente asociamos aos seres humanos. «Tratei de tender unha ponte e convidar á igualdade, creando retratos de animais cun estilo de representación xeralmente asociado cos humanos para salientar o seu carácter e personalidade».
Na exposición, Tim Flach incorpora información específica da situación e os perigos que ameazan cada unha das especies retratadas. Cada retrato está acompañado por unha ficha informativa elaborada pola maior organización ambiental de todo o mundo, a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza). A información da UICN sinala o nivel de risco de extinción no que se atopa esa especie segundo a lista vermella desta organización. Ademais do nome científico, e da zona xeográfica á que pertence cada animal, os retratos están acompañados dun texto explicativo sobre a súa especie.
«Fotografei algunhas das especies máis ameazadas da Terra para este proxecto ―explica Flach―, algunhas icónicas, outras menos coñecidas. Varias son recoñecidas en todo o mundo e é sorprendente atopar estes animais icónicos ao bordo da extinción, animais aínda representados con orgullo en películas e libros, como xoguetes de peluche na colección de animais salvaxes da habitación dun neno».
Viaxando ao redor do mundo, a escenarios que van desde o bosque ata a sabana, os mares polares e os grandes arrecifes de coral, o fotógrafo construíu un poderoso rexistro visual de animais e ecosistemas en risco.
A exposición incorpora a tecnoloxía para ampliar a experiencia dos espectadores. Entre as posibilidades das novas experiencias para os espectadores, a exposición ofrece unha mesa de luz, que lle formula ao espectador algunhas preguntas sobre as especies que protagonizan a exposición, poñendo a proba o seu coñecemento sobre elas.