Exposición A NOSA ARTE. Colección do Parlamento de Galicia, en Pontevedra
O edificio histórico Café Moderno Afundación de Pontevedra acolle do 29 de febreiro ata o 25 de maio, a exposición «A NOSA ARTE. Colección do Parlamento de Galicia». Vennos visitar e coñece grandes obras de arte atesouradas pola cámara galega, un total de 37 pezas da súa Colección, que significan unha memoria viva das diferentes etapas históricas que, ao longo dos últimos cen anos, determinaron as tendencias artísticas adoptadas en Galicia.
comisariado | MARÍA VICTORIA CARBALLO CALERO, FELIPE SENÉN e CARLOS VALLE
VISITAS GUIADAS familias | INSCRICIÓNS AQUÍ
xoves 9 MAI | 18.00 h
Capacidade limitada
Asiste e colabora coa campaña solidaria CULTURA POR ALIMENTOS.
CULTURA POR ALIMENTOS
Coñeces o noso programa solidario? Accede a toda a información desde a nosa web para coñeceres todas as actividades culturais que podes realizar nos nosos recintos por un intercambio de alimentos non perecedoiros, destinados aos bancos de alimentos locais. Esta exposición e as súas visitas guiadas forman parte da rede de actividades adheridas á iniciativa, polo que te convidamos a deixares a túa doazón á entrada do edificio, no punto habilitado.
A ilusión compartida que nos move! Infórmate aquí
En colaboración con FESBAL.
O Parlamento de Galicia atesoura unha das máis valiosas e variadas coleccións públicas de arte galega contemporánea. Un auténtico tesouro froito da talento creativo dos seus autores e autoras e tamén do compromiso inequívoco coa arte galega dos diferentes equipos reitores da Cámara lexislativa.
A dimensión cuantitativa e cualitativa que esta colección de arte foi adquirindo co paso do tempo, desde aquel arredado 19 de decembro de 1981, cando o Parlamento de Galicia botaba a andar nunha sede que nin sequera era de seu, o Pazo de Xelmírez, fai que se redobren os esforzos para dala a coñecer, tanto entre os expertos como entre o público en xeral.
ESCOLARES
- INFANTIL a 4º PRIMARIA | Visita conto con obradoiro STEAM/sostibilidade | Píntame unha poesía, e escribireiche unha obra de arte. Unha visita conto onde arte e poesía tomarán por asalto o imaxinario da xente miúda. Inspiración abonda para a adquisición dalgúns coñecementos de robótica básica. E é que, coas nosas pequenas mans, podemos facer que calquera cousa cobre vida.
- 5º PRIMARIA a 2º ESO | Visita obradoiro STEAM/sostibilidade | Atlantes de pincel e espátula. A programación tecnolóxica deu lugar a un dos máis sorprendentes xiros da arte actual. E se fósemos capaces de facermos nós unha obra de arte a partir dun deseño robotizado? Para comprender a orixe desta viaxe, debemos coñecer de onde proceden as formas da arte e como en Galicia se desenvolveron ao longo do último século.
- 3º e 4º ESO, BACHARELATO e CF | A nosa arte. Unha viaxe pola arte galega contemporánea e os episodios históricos, económicos e sociolóxicos que a acompañaron. E mais un obradoiro de computación e arte!
2 €/ ESCOLAR
Máis información e reserva previa no 986 333 210 ou en areaeducativapontevedra@afundacion.org
Podes descargar abaixo o folleto dixital da mostra.
En colaboración co Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes.