Exposición O PODER DA PALABRA. 40 anos do Parlamento de Galicia na Coruña

Co gallo do 40 Aniversario do Parlamento de Galicia, celebramos canda a institución unha interesante exposición que estará na nosa Sede Afundación A Coruña ata o 27 de maio. Con O PODER DA PALABRA. 40 anos do Parlamento de Galicia. 1981-2021 poderás descubrir a historia dunha das nosas entidades máis senlleiras no desenvolvemento do autogoberno galego.
RAMÓN VILLARES PAZ | comisario
A mostra repasa os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
Comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, tamén conta coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); e co deseño gráfico a cargo de Xosé Díaz Arias.
Intégrana 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.
Entre outros, na exposición é posible ver a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol; ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.
Tamén se incorporan obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.
A exposición, de carácter itinerante, recalará nas diferentes cidades galegas nos próximos meses.