Conferencia con José Antonio Vázquez Taín «Por que non aprendemos das nosas experiencias?». Pontevedra
No mes de marzo o xuíz José Antonio Vázquez Taín acompañaranos en Ferrol e Pontevedra na segunda conferencia do ciclo Educación s. XXI de 2019. Será o día 20 de marzo na Sede Afundación de Ferrol e o 28 do mesmo mes na Sede Afundación de Pontevedra.
Entrada gratuíta, ata encher a capacidade. Inscricións en Ataquilla.
«Por que non aprendemos das nosas experiencias?» é o título da conferencia en que Vázquez Taín se centrará na percepción da mocidade de que as súas vivencias nada teñen que ver coas dos e das súas antecesoras. Exploran desde a súa inmaturidade novos mundos, ignorando calquera experiencia previa por considerala inaplicable. Especialistas en Historia e Socioloxía, porén, repítennos que cada situación social ten sido vivida anteriormente. Cada crise é repetición de crises anteriores, cada perigo é reiteración de situacións de risco xa vividas polo ser humano e, así e todo, cada xeración perde unha parte dos seus membros por cometer erros que xa foran anunciados. Pola contra, a tecnoloxía transmítese de xeración en xeración sen problema, por que isto é así?
Vivimos nun mundo onde a información é case total e está ao alcance de todo o mundo. Como é posible entón cometer erros coma os da xuventude coas drogas, as redes sociais, etc.? Sería posible que houbese algunha linguaxe universal que permitise transmitir as experiencias vividas de xeración en xeración do mesmo xeito que se transmiten os coñecementos científicos ou tecnolóxicos?
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Desde Afundación poñemos en marcha este programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre a aprendizaxe a toda a comunidade educativa, nais e pais, estudantes, docentes e público en xeral. Grandes especialistas xa pasaron polas nosas sedes nas distintas cidades galegas: David Bueno, Xuxo Ruiz, Sergio Castro "Profesor10demates", José Torres, Belén Colomina, Anna Sans, Anxo Carracedo, Jorge Soto, Margarita Pino, César Bona, Javier Urra e Hernán Aldana. Un enfoque profesional que serve de apoio a familias e á área académica, dando a coñecer varios prismas e metodoloxías.