DIÁLOGOS SOBRE LONXEVIDADE E ENVELLECEMENTO coa doutora Myriam Gorospe e o doutor Manuel Collado
Pode a ciencia descubrir por que e como envellecemos? Isto levará a un envellecemento máis saudable?
A nosa relatora, Myriam Gorospe, traballou no Instituto Nacional do Envellecemento (NIA) en moitos aspectos diferentes relacionados coa mellor comprensión de como e por que envellecemos, e que podemos facer para ter un envellecemento saudable. Afondaremos nestas cuestións desde a perspectiva da experiencia e dos descubrimentos de Myriam Gorospe para achegarnos a que coñecementos nos ofrece a mellor ciencia do envellecemento e que perspectivas podemos prever para os próximos anos.
Myriam Gorospe estudou bioloxía en Madrid e obtivo o seu doutoramento en Bioloxía Celular e do Desenvolvemento na Universidade Estatal de Nova York en Albany, EE. UU. Despois do su posdoutoral no Instituto Nacional sobre o Envellecemento (NIA) do Instituto Nacional da Saúde (NIH), converteuse en Investigadora Principal do NIA/NIH en 1998. No Laboratory of Genetics and Genomics (NIA/NIH), que dirixe desde 2014, estuda a regulación xénica postranscricional en modelos de mamíferos de estrés celular, senescencia e envellecemento. No seu programa de investigación, estudan grandes datos sobre proteínas de unión ao ARN e ARN non codificantes que son clave para os programas de expresión xénica na fisioloxía e patoloxía do envellecemento.
Manuel Collado estudou bioloxía molecular e doutorouse pola Universidade Autónoma de Madrid en 1997. Desenvolveu o seu traballo como investigador posdoutoral primeiro en Londres e despois en Nova York. Regresou a España en 2001 para incorporarse ao grupo do doutor Manuel Serrano, primeiro no Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB) e despois, de 2003 a 2012, no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), en Madrid. Ese ano ingresou no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, IDIS, onde dirixiu o laboratorio de Senescencia Celular, Cancro e Envellecemento.
Durante a súa etapa no laboratorio do doutor Serrano, Collado traballou no proceso de senescencia celular no cancro e no desenvolvemento, e tamén estivo implicado no traballo que o grupo realizou sobre a reprogramación celular. Desde que creou o seu propio grupo, Collado traballou no proceso de senescencia celular e a súa relación co desenvolvemento e rexeneración dos tecidos, e identificou compostos capaces de eliminar de forma selectiva as células senescentes que poderían ser utilizadas na terapia do cancro e no envellecemento.
Desde xaneiro de 2024, agora como investigador científico no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC, dirixe o seu grupo no Centro Singular de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, CiMUS, da Universidade de Santiago de Compostela.
DIÁLOGOS SOBRE LONXEVIDADE E ENVELLECEMENTO
Afundación, en colaboración con Collado Lab e a Sociedade Española de Senescencia Celular, organiza coloquios públicos con grandes especialistas cos que conversaremos dun xeito accesible e ameno sobre os factores que inflúen na lonxevidade, como mellorar a calidade de vida en idades avanzadas e os avances no coñecemento nestes campos.