Co gallo do DÍA DA INFANCIA, desde a Sede Afundación Ourense traemos unha serie de actividades: un concerto en familia en favor da infancia maltratada e a presentación dos libros "Dónde está el interés superior del niño", "El Día que me quieras", "El laberinto de Olivia y Julia" e do documental "Vidas Invisibles". Haberá tamén un concerto de piano a catro mans do dúo musical Pianoma, composto por Gema Arias Varela e Vincent Tohier.
Convidámoste a asistires sen entrada, colaborando co noso programa solidario Cultura por Alimentos, accedendo a calquera dos eventos cunha doazón de produtos non perecedoiros. Información embaixo.
CULTURA POR ALIMENTOS
Coñeces o noso programa solidario? Accede a toda a información desde o noso web para saber de todas as actividades culturais que podes realizar nos nosos recintos por un intercambio de alimentos non perecedoiros, destinados aos bancos de alimentos locais, en colaboración con FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos. Estes eventos forman parte da rede de actividades adheridas á iniciativa, polo que te convidamos a deixares a túa doazón á entrada do edificio, no punto habilitado, cando nos visites.
Esta formación xorde en Bruxelas, no seo do seu ilustre Real Conservatorio e desenvólvese na actualidade en Galicia. Cun claro propósito pedagóxico, Pianoma propón programas diferentes e interdisciplinares onde a docencia e a comunicación co público son as protagonistas no desenvolvemento de cada un dos seus proxectos didáctico-musicais.
Gema Arias Varela
A súa formación como pianista transcorre nos conservatorios da súa cidade natal, A Coruña, onde finaliza os seus estudos de Grao Profesional e Superior, recibindo a mención cum laude na súa especialidade. Posteriormente, realiza un mestrado de piano solo coa mestra Dominique Cornil no Real Conservatorio de Bruxelas, recibindo grandes distincións. Desde o 2014 é integrante da Orquestra de Cámara Galega (OCGa). Ten sido galardoada con varios premios internacionais coma o primeiro Premio do Concours des Lauréats do Conservatorio Real de Bruxelas, o premio do Patrimonio Gerofi-Bachwitz (Bélxica) e o Premio Internacional de Música GianClaudio Chiais (Roma). Na actualidade, compaxina a súa actividade como pedagoga e concertista.
Vincent Tohier
En 2013 entra no Real Conservatorio de Bruxelas na especialidade de piano, estudando coas mestras Dominique Cornil e Zofia Lalak, obtendo o seu diploma de mestrado en 2019 con grandes distincións coa súa performance do primeiro concerto para piano de Tchaikovsky. Cunha extensa experiencia na música de cámara, colaborando en dúos, quintetos e particularmente tríos, recibe en 2016 o primeiro Premio no concurso de cámara Prix Mathile Horlait-Dapsens. Realizando concertos en Centroeuropa (Francia, Bélxica e Austria), Vincent céntrase na escena musical belga e é convidado a participar en festivais coma o KlaraFestival, Les Nocturnes, Les Ballades e Courants d'Airs. Ademais da súa extensa experiencia como pianista e docente, traballa como compositor para películas e animacións.
En colaboración coa ONG PEstudio – Periodismo Social (Asociación Periodística Estudios e Comunicación).