Contos para construír. Educación pola igualdade. A Coruña, Lugo, Santiago e Vigo
Contos para construír son unha serie de sesións de contacontos pola igualdade sobre Ángeles Alvariño, Concepción Arenal, Maruxa Mallo e Rosalía de Castro. Pretende ser un medio de divertimento e aprendizaxe en familia, que axude a construír, peza a peza, conto a conto, a mellor versión de nós mesm@s.
Co gallo do Día da Muller, o 8 de marzo, desde Afundación queremos facer visible a figura de catro mulleres da nosa historia, catro galegas bravas que destacaron en distintos eidos a nivel mundial. No científico, María de los Ángeles Alvariño González; no xurídico, Concepción Arenal; na pintura, Maruxa Mallo; e na literatura, Rosalía de Castro.
A vida e a historia destas mulleres faro serán o fío condutor dun divertido espectáculo da Asociación Os Piñeiriños, en que gozaremos da
música, o baile e do teatro canda Fuco e Xela, dúas lingoreteiras personaxes que nos irán relatando, ao xeito dun contacontos, os datos
máis relevantes destas mulleres senlleiras.
CALENDARIO
Sábado 10 marzo. 12.00 h Sede Afundación A Coruña. Cantón Grande, 8
Sábado 17 marzo. 12.00 h Sede Afundación Vigo. Policarpo Sanz, 24-26
Sábado 24 marzo. 12.00 h Sede Afundación Lugo. Praza Maior, 16
Sábado 7 abril. 12.00 h Sede Afundación Santiago. Rúa do Vilar, 19
Nen@s de balde*, persoas adultas 2 € (Gastos de xestión á parte)
*Imprescindible reservar prazas en Ataquilla. Admitiranse 3 prazas máximo por persoa.
Máis información en areaeducativa@afundacion.org
Duración: 45 m aprox.
Somos unha sociedade en constante crecemento, sempre en construción. Cada peza que movamos cimentará o mundo social que herdarán as nosas fillas e fillos, netas e netos.
Consciente diso, o eido escolar aborda, cada ano, contidos que non só afectan a competencias profesionais específicas, senón a valores sociais e naturais. Desde a propia Consellería de Educación da Xunta de Galicia destacan, entre outros, contidos transversais sobre a educación para a paz, prevención do consumo de drogas, igualdade ou educación ambiental.
A sociedade ao completo é consciente de que estes valores deben prevalecer, mais a realidade dinos, día a día, que aínda nos queda moito por facer. As institucións deben inverter tempo e esforzo en combater problemáticas derivadas da ausencia de principios básicos de convivencia. A educación en valores é unha das claves para a creación dunha contorna mellor para as futuras xeracións.
Con este motivo e coa finalidade de reforzar o importante labor que realizan nais, pais e toda a comunidade escolar, Afundación promoverá ao longo do curso 2018 un programa integral que sirva de reforzo ás familias e á sociedade en xeral.