Conferencia EDUCACIÓN S. XXI CONCHA MONJE «Intelixencia Artificial en robótica: retos e oportunidades», en Vigo
«Intelixencia Artificial en robótica: retos e oportunidades», nova conferencia do ciclo EDUCACIÓN S. XXI coa experta en IA, Concha Monje, na Sede Afundación de Vigo.
ESCOLARES | 18 OUT 2023 | 11.00 h
PÚBLICO XERAL | 18 OUT 2023 | 19.00 h
Nesta conferencia abórdase a aplicación da intelixencia artificial no sector da robótica, analizando casos reais que permiten entender os retos aos que nos enfrontamos e as numerosas oportunidades que nos brinda o uso dos robots intelixentes na nosa sociedade.
Esta conferencia enmárcase dentro do programa CULTURA POR ALIMENTOS impulsado por Afundación, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos para incrementar os recursos do banco de alimentos local. Convidamos todas as persoas que asistan a este evento a colaborar con esta campaña solidaria coa doazón de produtos non perecedoiros, que poderán depositar á entrada do recinto.
CONCHA ALICIA MONJE MICHARET
Investigadora en Robótica e Profesora Catedrática da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), é Doutora pola Universidad de Extremadura (2006) con Premio Extraordinario de Doutoramento e Mención de Doutoramento Europeo. Actualmente, desenvolve o seu labor investigador no grupo RoboticsLab da UC3M. Os seus traballos en robótica branda e control de sistemas son recoñecidos a nivel internacional. Ten colaborado activamente con centros de investigación de Estados Unidos, Francia, Alemaña, Italia e Singapur e dirixe varios proxectos sobre o desenvolvemento de robots asistenciais. Os seus traballos de investigación teñen sido recoñecidos con premios como: Top 100 Mujeres Líderes en España (2021), Premio Gigante Extremeño (2019), Premio Ada Byron a la Mujer Tecnóloga da Universidade de Deusto (2019), Premio de Excelencia a la Investigación da UC3M (2018), Premio Mujer y Tecnología da Fundación Orange (2018) e Premio a Mejor Científica Contemporánea - Selección Española de Ciencia (2017), outorgado pola revista de divulgación científica QUO en colaboración co CSIC. Máis alá do seu labor investigador, é unha científica moi comprometida coa docencia universitaria e a divulgación científica. Ten participado en máis dun centenar de actividades de divulgación, entre as que destaca a súa colaboración na sección de ciencia do programa de radio Julia en la onda, con Julia Otero en Onda Cero. Tamén traballou como asesora científica da película Autómata, producida e protagonizada por Antonio Banderas.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Un programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre Educación a toda a comunidade escolar, desde as familias ao propio estudantado e, por suposto, ao equipo docente. Grandes especialistas xa pasaron polos nosos edificios nas distintas cidades galegas, ofrecendo o seu enfoque profesional para apoiar a educación desde a casa e desde a escola.
MÁIS INFO AQUÍ.