Conferencia con PATRICIA GARCÍA, finalista dos Premios Educa ABANCA, en Pontevedra
Nova conferencia do ciclo EDUCACIÓN S. XXI con Patricia García, finalista dos Premios Educa ABANCA 2021, o 2 de xuño na Sede Afundación de Pontevedra para falarnos da súa particular forma de achegar coñecemento ao seu alumnado a través da creatividade.
Hai anos pregunteime: Por onde empezo?, que necesitan?, que necesito?…
Despois de moito pensar e de equivocarme, decidín ser fiel a min mesma e comecei a usar a fantasía como medio de aprendizaxe. Levo anos adornando a súa realidade. Gustaríame que non se entendese a palabra adorno de forma literal. Non quero que se interprete como un simple decorado, un doce papel para envolver un agasallo; senón como un medio que nos convide a facer, lograr que esperte a curiosidade sen saber moi ben se estamos a xogar, crear, experimentar ou a aprender.
Este xogo de imaxinar e crear lévame a defender e a loitar polas aulas temáticas e a creatividade no noso alumnado, entendendo a creatividade como un medio de vida, non só no ámbito da educación; senón para pensar de forma creativa. Na miña aula non falta o pensamento creativo.
Ser creativo non é unha tarefa doada polo que debemos facer un grande esforzo para ser flexibles no noso pensamento e evitar xulgar precipitadamente ou aferrarnos ao seguro. Para iso non debemos conformarnos con ser un máis. Isto é o que debemos transmitir ao noso público, aos nosos alumnos e alumnas. Debemos falarlles do poder que hai nas nosas mans e do poder de crer en algo firmemente para logralo, pero para defender algo hai que sentilo en primeira persoa. Aí é onde entra en xogo un traballo persoal como docente de desenvolver o seu pensamento creativo.
Necesitamos darlle un envorco á perspectiva tradicional. A educación está centrada en contidos e non deixa espazo para as habilidades de pensamento, por tanto, tampouco para a educación creativa. Se te fixas, non estou a quitar os contidos da realidade escolar, senón que poño un espazo para as outras habilidades. Non poderiamos chegar a potenciar o pensamento creativo sen desenvolver previamente habilidades básicas, por iso a miña intención non é obviar, senón complementar.
Neste encontro trataremos o pensamento creativo e as súas múltiples posibilidades dentro da aula. Para comprender a práctica temos que abordar unha serie de nocións teóricas básicas que serán reforzadas con dinámicas individuais e grupais.
O obxectivo será levarnos un coñecemento teórico sobre o que estamos a facer e unha variedade de propostas para poder inicialo desde xa nas nosas aulas ou nos nosos fogares educativos, sen escusas. Eliminaremos eses tópicos tan necesarios:
“Sempre o fixemos así”
“Iso é a teoría, pero a práctica é outra cousa”
“Non é a nosa responsabilidade”
“Eu non me considero creativa/ou”
PATRICIA GARCÍA FIGUEROA, mestra, psicopedagoga e defensora da creatividade.
Emprendeu o seu fogar educativo fai nove anos en Redondela, o que comezou sendo un pequeno espazo de aprendizaxe, é actualmente o seu motor de vida, o seu lugar onde compartir o seu modo de entender a educación e un medio para contaxiar os máis pequenos e as súas familias de maxia e fantasía.
Día a día pon o seu gran de area para axudar cada tarde no rendemento e dificultades académicas dos seus alumnos e alumnas achegando nas súas clases pensamento creativo e desenvolvendo proxectos temáticos baixo escenarios e decorados, usando como medio de creación a reciclaxe.
A súa misión é crear estudantes con criterio propio, con capacidade de reflexión, decisión, eliminando prexuízos e desenvolvendo un pensamento fluído e flexible, mostrándose ela mesma como modelo de orixinalidade, compromiso, constancia e esforzo.
“A docencia non é destacar, senón ser lembrada”
Actualmente participa en formacións para o profesorado en congresos e centros escolares. Creou o seu espazo virtual fai seis anos sendo este unha oportunidade para chegar a máis amantes da educación e mostrar a súa visión dela.
Recentemente publicou o seu primeiro libro CREE EN TI PARA CREAR. Manual sobre el pensamiento creativo.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Un programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre Educación a toda a comunidade escolar, desde as familias ao propio estudantado e, por suposto, ao equipo docente. Grandes especialistas xa pasaron polos nosos edificios nas distintas cidades galegas, ofrecendo o seu enfoque profesional para apoiar a educación desde a casa e desde a escola.
MÁIS INFO AQUÍ.