Conferencia con PATRICIA GARCÍA "Non deixes que se apague a túa creatividade", en Pontevedra e AfundaciónTV
Finalista dos Premios EDUCA ABANCA 2021, Patricia García, docente e pedagoga da Academia Trazos, converteuse nun referente na educación creativa, diferencial e con atención á diversidade. Vén agora con outra das súas conferencias escenográficas, máxicas e absolutamente creativas para escolares de 4º a 6º de educación primaria e 1º de ESO, dentro do ciclo Educación s. XXI. Estará en directo na Sede Afundación de Pontevedra o 17 de novembro e tamén en streaming a través da nosa canle AfundaciónTV.
A frase “eu non son unha persoa creativa” non terá cabida neste encontro!
Hai anos pregunteime: Por onde empezo?, que necesitan?, que necesito?… Despois de moito pensar e de equivocarme, decidín ser fiel a min mesma e comecei a usar a creatividade como medio de aprendizaxe. Levo anos defendendo a necesidade de promover a creatividade dentro das aulas e que os nosos nenos e nenas se beneficien desta forma de aprender e, evidentemente, poñéndoo en práctica co meu alumnado.
Segundo a Real Academia Española, a creatividade é a capacidade de creación. Refire á posibilidade de innovar con orixinais ideas ou conceptos. Orixinalidade, inventiva e innovación. A creatividade é íntima amiga da imaxinación, trátase de xerar algo novo. Pero para todo isto debemos ofrecerlle aos nosos nenos e nenas a oportunidade de facelo, darlle tempo e espazo real para IMAXINAR.
A infancia é un período esencial na vida de calquera persoa, é nela na que sentarán as bases do futuro dun neno/ a, por iso aposto por estimular desde idades moi temperás o pensamento creativo, permitirlles pensar por si mesmos, brindarlles a oportunidade de imaxinar, conseguindo deste xeito flexibilizar o seu pensamento sen limitalos a unha idade ou horario en concreto para iso. A creatividade debe estar presente sempre ao longo da vida. Sen dúbida, é a clave para que o neno logre desenvolverse de maneira independente, para que planifique, resolva problemas por si só pensando en múltiples posibilidades de solución, consiga mellorar a súa autonomía, gañe confianza coas súas decisións e valerse por si só. A creatividade non é facer bonitas manualidades. Necesitamos darlle un envorco á perspectiva tradicional. A educación está centrada en contidos e non deixa espazo para as habilidades de pensamento, por tanto, tampouco para a educación creativa que evidentemente necesita de aprendizaxes tradicionais para poder darse, deste xeito, deixo claro que non se trata de suprimir o que temos; senón de cambiar a forma de enfrontarnos á aula e de como tratar o alumnado.
Neste encontro poñerei o foco neles, nos nenos e as nenas, compartiremos unha maneira diferente de entender a aprendizaxe, estimularei o seu pensamento creativo dándolles voz, escoitando as súas propostas e opinións sen facer prexuízos ou poñer límites. Para afondarmos nesta realidade creativa, necesítoos a eles e a elas, NECESÍTOOS ACTIVOS! e posiblemente teñamos que improvisar moitas cousas, porque nunha realidade creativa non todo está planificado.
PATRICIA GARCÍA FIGUEROA, mestra, psicopedagoga e defensora da creatividade.
Emprendeu o seu fogar educativo hai nove anos en Redondela. O que comezou sendo un pequeno espazo de aprendizaxe, é actualmente o seu motor de vida, o seu lugar onde compartir o seu modo de entender a educación e un medio para contaxiar a rapazada e as súas familias de maxia e fantasía.
Día a día pon o seu gran de area para axudar no rendemento e dificultades académicas dos seus alumnos e alumnas, achegando nas súas clases pensamento creativo e desenvolvendo proxectos temáticos baixo escenarios e decorados, usando como medio de creación a reciclaxe.
A súa misión é crear estudantes con criterio propio, con capacidade de reflexión, decisión, eliminando prexuízos e desenvolvendo un pensamento fluído e flexible, mostrándose ela mesma como modelo de orixinalidade, compromiso, constancia e esforzo.
“A docencia non é destacar, senón ser lembrada”
Actualmente participa en formacións para o profesorado en congresos e centros escolares. Creou o seu espazo virtual hai seis anos sendo este unha oportunidade para chegar a máis amantes da educación e mostrar a súa visión dela.
Publicou hai pouco o seu primeiro libro CREE EN TI PARA CREAR. Manual sobre el pensamiento creativo.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Un programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre Educación a toda a comunidade escolar, desde as familias ao propio estudantado e, por suposto, ao equipo docente. Grandes especialistas xa pasaron polos nosos edificios nas distintas cidades galegas, ofrecendo o seu enfoque profesional para apoiar a educación desde a casa e desde a escola.
MÁIS INFO AQUÍ.