Conferencia con Mª Jesús Álava Reyes «Límites que nos axudan a medrar». Lugo
María Jesús Álava, Premio ao Mellor Labor de Divulgación da Psicoloxía en 2017 e escollida coma unha das TOP 100 das Mulleres Líderes en España en 2012 e 2017, achéganos a conferencia «Límites que nos axudan a medrar», inspirada nos seus libros El no también ayuda a crecer e La buena educación, ademais de na súa experiencia de máis de 30 anos nas áreas educativa, clínica e do traballo. Que está a fallar na educación das nenas e nenos de hoxe? María Jesús ofrécenos as claves. Será o 10 de abril na Sede Afundación de Lugo e o 11 de abril no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela.
Ver resumo da conferencia
Esta conferencia enmárcase no ciclo Educación s. XXI, un programa que pretende chegar ao público xeral e especializado no eido da educación, indagando sobre novas teorías e estudos sobre a docencia no noso século.
Hoxe, hai moitas nais e pais que se ven sen tempo, sen espazo, sen enerxía, con presión e moitos interrogantes e dificultades para acometer con éxito a educación dos seus fillos e fillas. Pola súa parte, tamén a docencia se sente desbordada e pouco apoiada pola familia do alumnado para realizar a súa importante misión. E como punto clave, moitas nenas e nenos séntense impotentes, cunha desorientación total e, o que é peor, enfrontando en soidade as súas dúbidas, medos, experiencia; soas e sós ante as súas vidas. O contido desta conferencia de María Jesús Álava Reyes versa sobre a realidade que viven cada unha destas partes na educación.
A especialista tratará os seguintes temas: Como é hoxe a infancia? Hai cada vez máis mocidade con problemas? Nais e pais na actualidade téñeno máis difícil? Nunca o medio foi tan agresivo para as persoas. Coidado cos tópicos en educación! Principais condicionantes e obstáculos. A infancia necesita pautas, normas, regras, límites, hábitos...? Por que hai tantas familias e docentes que ven a educación actual con insatisfacción? En que avantaxa a infancia a adultez? Como podemos favorecer o seu desenvolvemento? Como conseguimos identificar e respectar o talento, o potencial, as competencias de cada persoa? Como favorecer o éxito de fillas e fillos? O esforzo, o traballo continuado, o método e o desenvolvemento da intelixencia emocional como bases do futuro éxito profesional. Suxestións para nais e pais no seu labor diario. Erros que debemos evitar: Coidado coa sobreprotección! Regras de ouro que nos axudarán a ter éxito na educación de fillas e fillos. Reflexións finais para ter éxito na educación: como debemos actuar para conseguir que teñan máis autonomía, seguridade e maior felicidade.
Mª JESÚS ÁLAVA REYES
Licenciada en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, experta en Psicoterapia pola Federación Europea de Asociacións de Psicólogos (EFPA), mestrado en Dirección de Recursos Humanos, especialista en Coaching Executivo, mestrado en Psicoloxía Pedagóxica e especialista en Psicodiagnóstico. É ademais profesora colaboradora da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, da Universidade Complutense de Madrid, da Universidade Alfonso X o Sabio, da Escola de Organización Industrial e socia de honra da Sociedade Castelá de Medicina e Seguridade no Traballo.
Foi escollida coma unha das TOP 100 Mulleres Líderes en España en 2012 e 2017. Tamén en 2017 foi Premio ao Mellor Labor de Divulgación da Psicoloxía, outorgado polo Colexio Oficial de Psicólogos de Madrid.
Ocupou diversos postos directivos no CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), Ministerio de Fomento e Aena (Aeroportos Españois e Navegación Aérea). Na actualidade é presidenta de Apertia-Consulting e da Fundación María Jesús Álava Reyes, tamén dirixe o Centro de Psicoloxía Álava Reyes, onde traballan máis de cincuenta profesionais nas áreas da psicoloxía e medicina.
Autora de libros coma La inutilidad del sufrimiento (con máis de 500.000 exemplares), ou o último Lo mejor de tu vida eres tú (novembro 2018). Tamén foron éxitos de vendas: La verdad de la mentira, Las 3 claves de la felicidad, Trabajar sin sufrir, Recuperar la ilusión, Emociones que hieren, Amar sin sufrir, El no también ayuda a crecer…
É colaboradora habitual de diversos medios de comunicación: prensa, radio e televisión.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Desde Afundación poñemos en marcha este programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre a aprendizaxe a toda a comunidade educativa, nais e pais, estudantes, docentes e público en xeral. Grandes especialistas xa pasaron polas nosas sedes nas distintas cidades galegas: David Bueno, Xuxo Ruiz, Sergio Castro "Profesor10demates", José Torres, Belén Colomina, Anna Sans, Anxo Carracedo, Jorge Soto, Margarita Pino, César Bona, Javier Urra, Hernán Aldana e Vázquez Taín. Un enfoque profesional que serve de apoio a familias e á área académica, dando a coñecer varios prismas e metodoloxías.