Nova conferencia do ciclo EDUCACIÓN S. XXI a cargo de Manuel Isorna Folgar, doutor en Psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo, que coa conferencia «Adolescentes: familias confundidas» afrontará o reto e a complexidade de ser adolescente nesta sociedade globalizada e “líquida” que evoluciona de forma tan vertixinosa.
O encontro contará con intérprete de lingua de signos.
Xoves 17 MAR | 19.00 h | Sede Afundación Ferrol
Tamén podes seguilo a través de AfundaciónTV AQUÍ
Cada vez máis nais, pais e educadores nos sentimos incapaces de afrontar os novos desafíos que supón educar as nosas fillas e fillos. O uso do móbil, Internet, os videoxogos, WhatsApp e as redes sociais, o consumo intensivo de alcohol e a aparición de novas drogas, supón un escenario verdadeiramente incerto e complicado que require dunha fonda reflexión como sociedade. A miúdo, preguntámonos que teñen na cabeza as e os adolescentes cando incorren en diferentes prácticas de risco, mais non menos importante é preguntarnos en que están a fallar familias, Administración e institucións. Un experto no eido da prevención de drogodependencias e condutas aditivas e da investigación social, comparte en voz alta as súas reflexións nun intento de encontrar algunhas das claves para “entender e previr”. O profesor Manuel Isorna Folgar da Universidade de Vigo, tentará reflexionar cunha conferencia no Auditorio da Sede Afundación de Ferrol sobre este sempre difícil reto de educar.
Manuel Isorna Folgar é doutor en Psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo. Desenvolveu o seu labor profesional como responsable de prevención de drogodependencias do Concello de Catoira durante 25 anos, polo que recibiu en 2012 o Premio Reina Sofía e en 2013 o premio da FEMP polas "Boas prácticas en Drogodependencias". Autor de numerosos libros e artigos científicos vinculados ao ámbito da educación, os adolescentes e o consumo de drogas. Exerce como presidente do comité organizador do Congreso Internacional sobre cannabis e os seus derivados: saúde, educación e lei. É profesor da academia galega de seguridade pública na cal se forman as forzas de seguridade do estado en temas de drogodependencias e condutas aditivas.
Esta conferencia enmárcase dentro do programa CULTURA POR ALIMENTOS impulsado por Afundación, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos para incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Ferrol. Convidamos todas as persoas que asistan a este evento a colaborar con esta campaña solidaria coa doazón de produtos no perecedoiros, que poderán depositar á entrada do recinto.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Un programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre Educación a toda a comunidade escolar, desde as familias ao propio estudantado e, por suposto, ao equipo docente. Grandes especialistas xa pasaron polos nosos edificios nas distintas cidades galegas, ofrecendo o seu enfoque profesional para apoiar a educación desde a casa e desde a escola.
MÁIS INFO AQUÍ.