Conferencia con VÍCTOR ARUFE en AfundaciónTV

En directo en AfundaciónTV, Víctor Arufe, Premio Educa ABANCA 2017 na categoría de Universidade, Premio Nacional SIMO EDUCACIÓN á Innovación e Gamificación Educativa, e autor do exitoso blog Educación, Innovación y Emprendimiento, estará nesta nova edición do ciclo de conferencias Educación s. XXI con «Educar na sociedade actual. Claves e estratexias para a boa educación dos nenos e nenas».
VER CONFERENCIA
Neste encontro, dirixido a familias, profesorado e a toda a comunidade educativa en xeral, Víctor Arufe abordará dun xeito práctico, orixinal e novidoso a educación da rapazada. A través dunha charla divulgativa exporá de forma moi sinxela as bases que deben primar na educación durante a infancia e adolescencia. Así, explicará en que consiste o método de educar por escenarios, analizando os diferentes axentes que participan na educación de nenas e nenos e escenarios onde interactúan no seu día a día. Arufe presentará diferentes estratexias para traballar tanto no eido familiar coma no escolar, buscando potenciar os valores, atender aspectos psicolóxicos e psicosociais da infancia e outras esferas do seu capital humano que son de vital importancia para o seu desenvolvemento integral.
VÍCTOR ARUFE
Santiago de Compostela. É profesor na Facultade de Educación, onde se dirixe aos futuros docentes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Autor do exitoso Blog Educación, Innovación y Emprendimiento, con máis de 700.000 visitas anuais, foi galardoado co Premio EDUCA ABANCA Mellor Docente de España 2017 categoría Universidade e o Premio Nacional SIMO EDUCACIÓN á Innovación e Gamificación Educativa.
É editor xefe da Revista Científica Sportis dedicada á Educación Física, Psicomotricidade e Deporte en idade escolar e director da Unidade de Investigación do Deporte Escolar, Educación Física e Psicomotricidade. Impartiu máis de 60 conferencias en España e escribiu numerosos artigos técnico-científicos vinculados á educación e á educación física e publicou distintos libros sobre este ámbito, o último La Educación por Escenarios. Niños educados 24 horas al día 365 días al año.
Colabora así mesmo como articulista en diversos medios de comunicación nacionais e internacionais. Víctor Arufe, que aposta polo cambio social desde o traballo da boa educación nos fogares, considera que a educación é a base do benestar emocional e social da poboación. Así, confía no cambio educativo, o traballo e esforzo das familias para a construción das futuras xeracións adultas.
O ciclo continuará o próximo 12 de novembro cunha serie dedicada aos trastornos da aprendizaxe que impartirá a prestixiosa doutora Anna Sans Fitó, experta en neuroloxía pediátrica, diagnóstico e tratamento precoz dos trastornos da aprendizaxe, que se estenderá ata o 3 de decembro. Así, o 12 de novembro o ciclo arrincará coa «Introdución aos trastornos da aprendizaxe: dislexia e discalculia»; o 19 de novembro Anna Sans abordará «A hiperactividade e o déficit de atención»; o 26 de novembro os «Trastornos das funcións motoras e visioespaciais» e o 3 de decembro será unha sesión construída á carta, en función dos contidos sobre os que o público exprese o seu interese.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Desde Afundación poñemos a andar este programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre a aprendizaxe a toda a comunidade educativa, nais e pais, estudantes, docentes e público en xeral. Grandes especialistas xa pasaron polas nosas sedes nas distintas cidades galegas: David Bueno, Xuxo Ruiz, Sergio Castro "Profesor10demates", José Torres, Belén Colomina, Anna Sans, Anxo Carracedo, Jorge Soto, Margarita Pino, César Bona, Javier Urra, Hernán Aldana, Vázquez Taín, Teresa Viejo ou Irene Villa, entre outras personalidades. Un enfoque profesional desde varios prismas e metodoloxías acordes ao século actual.