Ciclo Diversionarte Afundación: Concerto "Devir" Grupo de Música Folk, en Ferrol
O venres 7 de novembro o Centro Sociocultural de Ferrol arranca o ciclo Diversionarte con Devir, o concerto do Grupo de Música Folk da Fundación Igualarte.
Diversionarte. Laboratorio de propostas culturais inclusivas
O ciclo Diversionarte é un lugar de experimentación e de posta en escena de novas formas de expresión. Diversionarte desafía os límites, explora o papel da arte como ferramenta comunicativa e de superación persoal.
Queremos achegar a arte que agroma en lugares ex-céntricos e as creacións de persoas que, decote, teñen pouca visibilidade na sociedade. Así, facemos un chamamento á di-versión artística e cultural, a gozar do pluralismo de perspectivas desde as que se aborda a creación artística.
Devir. Concerto do Grupo de Música Folk Igualarte
Devir é unha viaxe que todos dunha ou doutra maneira facemos. Esta produción percorre ese camiño dándolle a forma de sons que nos sirvan para achegarnos aos diferentes recunchos que soamente cada un de nós sabemos que están. O concerto parte das melodías tradicionais, ata mesturar os timbres máis nosos, con harmonías e sons en timbres máis afastados. En definitiva, unha música que quere ser parte do aire. Oxalá Devir permita que poidamos recoñecernos, evocar e gozar a paisaxe sonora onde a cada un nos gusta refuxiarnos.
Venres, 7 de novembro ás 20.30 h
Entradas: 3 €. Recadación destinada á Fundación Igualarte
Venda das localidades no Centro Sociocultural Afundación de Ferrol
Fundación Igualarte
A Fundación Igualarte é un centro ocupacional artístico que traballa con persoas con capacidades diferentes en aulas educativo-artísticas, de danza, artes plásticas, música, de arte infantil, nun ximnasio e nun estudio de ensaio e gravación. Ten como obxectivo a profesionalización da arte entre as persoas con discapacidade intelectual potenciando as habilidades individuais e sociais.
Súmate á diversión!