Ciclo de conferencias: Educación e docencia no século XXI

O proceso de cambio social que vivimos actualmente require que pais, nais e educadores esteamos preparados para asumir novos modelos de educación e os novos retos que estes presentan. Por iso, desde Afundación deseñamos o ciclo de conferencias Educación e docencia no século XXI, que abordan o universo educativo desde diferentes perspectivas coa aportación de diferentes expertos na materia. Problemáticas escolares, novos modelos educativos, as novas tecnoloxías ao servizo da ensinanza ou a innovación metodolóxica son algúns dos temas que se tratarán ao longo deste ciclo, co obxectivo de contribuír a unha mellor información e formación sobre a educación deste novo século.
O ciclo, que contou coa presenza dos expertos Javier Urra e César Bona, co profesor e youtuber David Calle, con Margarita Pino e José Torres, tráenos neste mes de decembro a Jorge Soto a Santiago.
Próximas datas:
Santiago, 14 de decembro: «A pedagoxía do ser e do convivir» con Jorge Soto, doutor da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte da Universidade de Vigo.
Conferencias anteriores:
Margarita Pino Juste: «Innovación metodolóxica. Un reto para a escola do s. XXI». Pontevedra. Maio
O alumnado do século XXI ten diferentes intereses e necesidades que antano. Para iso precísase ser emprendedor, ter iniciativa, curiosidade e dotes de liderado, ser persistente e desenvolver a capacidade de aprendizaxe ao longo da vida.
David Calle: «Flipped classroom ou como lles dar unha volta ás clases». Vigo. Abril
David Calle aborda as vantaxes do uso do vídeo na aula (e fóra dela) como ferramenta de axuda ao profesorado para cambiar a dinámica de aprendizaxe e darlle unha volta ás clases, co obxectivo de fomentar outras competencias e capacidades no alumnado (respecto, tolerancia, traballo colaborativo, consecución de proxectos etc.).
César Bona: «As escolas que cambian o mundo». A Coruña e Santiago de Compostela. Febreiro
Bona viaxou por sete cidades e vilas buscando algunhas escolas changemaker, escolas cun proxecto integral onde o respecto, a creatividade, a imaxinación, o traballo en equipo, a empatía e a socialización son o máis importante.
Javier Urra: «A educación, a mellor das vacinas». Ourense e Ferrol. Xaneiro
Como actuar cando os problemas cos adolescentes xa están instaurados? Educar no autodominio, na actitude, no proxecto existencial, na relación cun mesmo e cos demais é a clave.
José Torres: «Os menores ante as novas tecnoloxías: beneficios e riscos». Lugo. Novembro
A globalización e o uso masivo de Internet e as TIC depararon innumerables beneficios que están fóra de toda dúbida, mais, lamentablemente, cada día coñecemos novos casos de delitos relacionados coas novas tecnoloxías.