Charla-coloquio "Dereitos sanitarios ao final da vida", Espazo +60 Coruña
O Espazo +60 Afundación da Coruña acolle, o xoves 30 de xaneiro, unha charla-coloquio sobre os dereitos sanitarios ao final da vida. Esta charla, impartida por Ascensión Cambrón e Pilar Pérez Subías -presidenta e directiva da Asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galicia (DMDG)-, quere facer fincapé no dereito a rexistrar o Documento de Instrucións Previas, na posibilidade de rexeitamento terapéutico, así como ter presentes outros dereitos sanitarios xa recoñecidos en leis, como dereito á intimidade, a unha habitación individual, etc., dentro do marco da Sanidade Pública Galega.
Esta asociación está catalogada de interese público e de ámbito estatal con federación en cada comunidade autónoma. Os seus obxectivos son: defender os dereitos das persoas ao remate da vida, colaborando con institucións, movementos e particulares para influír social e politicamente no proceso de legalización deste novo dereito individual. Defender a despenalización da eutanasia e o suicidio medicamente asistido para persoas con enfermidades avanzadas que libremente desexan liberarse do sufrimento que viven como intolerable; achegar información actualizada sobre a morte digna e dar a coñecer os dereitos dos pacientes terminais.
Entrada libre ata encher a capacidade do local. Apúntate na recepción do Espazo +60 ata o día da charla.