CAMPAMENTO DE VERÁN SPECIAL OLYMPICS, en Pontevedra

Special Olympics Galicia, asociación dedicada á promoción e inserción social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias a través do deporte e do ocio, organiza unha nova edición do seu programa “Vacacións de Verán”. A iniciativa extenderase desde o mes de xuño ata finais de agosto, ofrecendo ás persoas con discapacidade intelectual unha ampla oferta de actividades co obxectivo de potenciar a participación na sociedade deste colectivo, así como a convivencia e o desfrute do tempo libre de maneira normalizada e en igualdade de condicións ao resto da cidadanía.
Este programa de vacacións de Special Olympics Galicia é xa todo un referente no campo da inclusión en Galicia e é posible grazas á colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Afundación, Obra Social ABANCA, Deputación de Pontevedra e
outros organismos públicos que apoian o labor da entidade.
Como vén sendo habitual nos últimos anos, os campamentos levaranse a cabo en diferentes quendas repartidas entre os meses de xuño, xullo e agosto. Nesta edición serán un total de 10 quendas de 7 días de duración cada unha delas, cuxas estancias se repartirán entre a Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra (que acollerá 7 quendas), o Hotel Leal de Vilanova (que acollerá 2 quendas) e o Hotel Cemar de Mondariz (que acollerá 1 quenda).
Este verán as vacacións de Special Olympics Galicia contarán cun total de 426 participantes, entre persoas con discapacidade intelectual e monitores, de 16 entidades sociais de toda Galicia, que estarán acompañados tamén doutras 30 persoas da organización, polo que serán un total de 456 participantes os que desfrutarán este ano das múltiples actividades organizadas co obxectivo de promover a inclusión na contorna das persoas con discapacidade intelectual e dar visibilidade a este colectivo.
As entidades participantes no campamento 2024 son:
- Pola provincia de A Coruña: Nosa Señora de CHAMORRO de Narón, APADER de Cedeira, ADCOR de A Coruña, ASPAS de Santiago, PAI MENNI de Betanzos e ASPRONAGA de A Coruña.
- Pola provincia de Lugo: SAN PABLO SAN LÁZARO de Mondoñedo, ASPANANE de Viveiro, SAN VICENTE DE PAÚL de Lugo e EU SON de Burela.
- Pola provincia de Ourense: ASPANAS de Ourense, AS BURGAS de Ourense e ASFAVAL do Barco de Valdeorras.
- Pola provincia de Pontevedra: SAN FRANCISCO de Vigo, ASPAVI de Pazos de Borbén e ACEESCA do Porriño.
QUENDAS E LOCALIDADES DAS VACACIÓNS DE VERÁN 2024
DO 20 AO 26 DE XUÑO
1ª quenda en Pontevedra (Residencia de Estudantes de Afundación)
DO 29 DE XUÑO AO 5 DE XULLO
2ª quenda en Pontevedra (Residencia de Estudantes de Afundación) e 3o quenda
en Vilanova (Hotel Leal)
DO 8 AO 14 DE XULLO
4ª quenda en Pontevedra (Residencia de Estudantes de Afundación) e 5a quenda
en Vilanova (Hotel Leal)
DO 17 AO 23 DE XULLO
6ª quenda en Pontevedra (Residencia de Estudantes de Afundación)
DO 4 AO 10 DE AGOSTO
7ª quenda unha en Mondariz (Hotel Cemar) e 8ª quenda en Pontevedra
(Residencia de Estudantes de Afundación)
DO 13 AO 19 DE AGOSTO
9ª quenda en Pontevedra (Residencia de Estudantes de Afundación)
DO 22 AO 28 DE AGOSTO
10ª quenda en Pontevedra (Residencia de Estudantes de Afundación)
Con estas estancias Special Olympics Galicia pretende dar cumprimento á súa misión, contribuíndo a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias tamén neste terreo fundamental do lecer e do tempo libre, e evitando a inclusión destas persoas en programas menos normalizados e de maior custo económico e social.
Debemos lembrar que o artigo 30 da Convención da ONU sobre dereitos das persoas con discapacidade recolle o dereito destas persoas a participar, en igualdade de condicións co resto, “na vida cultural, as actividades recreativas, o esparcemento e o deporte”. No seu apartado 5, este artigo afirma que, a fin de garantir o pleno exercicio deste dereito, os Estados deben adoptar as medidas pertinentes para “asegurar que as persoas con discapacidade teñan acceso a instalacións deportivas, recreativas e turísticas”.
www.specialolympicsgalicia.org
SPECIAL OLYMPICS GALICIA
Special Olympics Galicia, Asociación de Pais, Nais, Profesionais e Amizades de Persoas con Discapacidade Intelectual, é unha organización sen ánimo de lucro creada no ano 2000, por acordo de dezasete asociacións das diferentes provincias da Comunidade Autónoma Galega. Contan co apoio da Xunta de Galicia e da Consellería de Servizos Sociais. As súas finalidades: a promoción e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.