Camiño primitivo (102 km)

3 de xuño – Etapa Lugo – San Román de Retorta (18 km)
Traslados desde os Espazos +60 de Lugo, Monforte e Ourense ata o hotel de Lugo.
Chegada ao hotel e punto de encontro co guía que nos explicará a organización da viaxe. Deixando atrás a muralla romana de Lugo, camiñaremos ata Ponte Ferreira. O itinerario transita desde Lugo ata San Román onde destaca a bonita ermida de San Román da Retorta. Da súa orixe románica, do século XII, só conserva as portadas e as columnas laterais. Preto dela atoparemos a igrexa de Santa Cruz da Retorta, tamén románica e do mesmo século. Xantar en ruta ou no hotel. Traslado ao hotel de Lugo. Cea e aloxamento no hotel de Lugo.
4 de xuño – Etapa San Román de Retorta – Ponte Ferreira (10 km)
Almorzo. Ata Ferreira, onde se atopa a pequena ponte romana dun só arco sobre o río homónimo, o único camiño sinalizado desde 2017 é pola Vía Romana; avanzaremos por un territorio rural cun gran número de pequenas parroquias sen servizos e con máis asfalto do desexado. Pasaremos polas aldeas de Burgo de Negral, Pacio, Pena da Galiña e Mosteiro. Xantar en ruta ou no hotel. Cea e aloxamento no hotel de Lugo.
5 de xuño – Etapa Ponte Ferreira – Melide (20 km)
Almorzo. Chegaremos ao punto de unión do Camiño Primitivo co Francés. Melide está na encrucillada dos Camiños de Santiago e será o noso próximo destino. No centro da vila crúzanse o Camiño Francés e o Primitivo. As pegadas da historia do Camiño ao seu paso por Melide deixáronnos un Hospital de Peregrinos, do ano 1502, hoxe convertido no actual Museo da Terra de Melide. A serra do Careón é a porta de entrada do Camiño Primitivo na Terra de Melide. Pasaremos polas parroquias de Vilouriz e Villamor, ambas con arraigadas pegadas arqueolóxicas como castros, cruceiros e anacos do Camiño lousados no marco de lugares nos que a paisaxe natural semella deter alí o tempo. Será diante do antigo Hospital de Peregrinos, hoxe museo, onde se cruce o Camiño Primitivo co Francés, na praza do Convento, a máis importante da vila e onde tamén se atopa a Obra Pía de San Antón, que inclúe a capela e a Casa do Concello. Xantar en ruta ou no hotel. Cea e aloxamento no hotel de Lugo
6 de xuño – Etapa Melide – Arzúa
Almorzo. Despois de Melide, pasaremos por Boente e Castañeda para chegar a Arzúa, vila queixeira. O camiño preséntase nesta etapa dócil e en moi bo estado, mesturando terra e pedra con pequenas estradas entre poboacións, con suaves ascensos e descensos, alternando con tramos chairos. Xantar en ruta ou no hotel. Traslado ao hotel de Santiago de Compostela. Cea e aloxamento no hotel de Santiago
7 de xuño – Etapa Arzúa – O Pino/Amenal (19 km)
Almorzo. O concello de Arzúa cede o testemuño ao do Pino nun traxecto cómodo, con pendentes máis doadas e por pistas sempre próximas á N-547. Xantar en ruta ou no hotel de Santiago. Cea e aloxamento no hotel de Santiago.
8 de xuño – O Pino/Amenal – Santiago (22 km)
Almorzo. Xa case estamos a chegar á nosa meta. Sobre pistas de follas, entre as últimas manchas de bosques de piñeiros e eucaliptos, moi xuntos e simétricos, nalgunhas zonas, tamén algúns carballos, chegan as últimas aldeas do Pino. O municipio de Santiago agarda nun alto, xunto ao aeroporto, e conduciranos pola parroquia de Sabugueira. Desde a atalaia do Monte do Gozo obteremos a primeira panorámica de Santiago de Compostela e comezaremos un percorrido urbano que concluirá aos pés da fachada barroca da Catedral. O Obradoiro será o remate e o comezo. Xantar en ruta ou no hotel. Cea e aloxamento no hotel.
9 de xuño - Santiago de Compostela – Espazos +60
Almorzo. Tempo libre en Santiago ata o traslado de regreso aos Espazos +60