Camiño inglés (114 km)

3 de xuño - Etapa Ferrol - Neda (14 km)
Traslado desde os Espazos +60 de Afundación de Vigo - Pontevedra - Santiago – Betanzos e A Coruña ata o hotel en Ferrol.
Recepción do grupo por parte do guía que nos explicará a organización da viaxe. Iniciaremos o noso camiño xunto ao porto de Ferrol das Curuxeiras, dirixirémonos ata o polígono da Gándara e poderemos gozar na nosa ruta da igrexa castrense de San Francisco, o arsenal ou a concatedral de San Xián. Camiñando paralelamente pola ría de Ferrol atoparémonos coa vía do ferrocarril que une Ferrol con Betanzos e que se supera por un paso inferior. Deseguida ascenderemos ata o mosteiro de San Martiño de Xubia, que é un dos máis antigos de Galicia. Continuaremos o noso camiño e, tras pasar a ponte do Muíño sobre o río Xubia, entraremos en Neda. Finalizada a ruta (uns 14 km), trasladarannos de regreso ao hotel. Xantar no hotel. Pola tarde, tempo libre para descansar ou pasear polo centro de Ferrol. Cea e aloxamento no hotel de Ferrol.
4 de xuño - Etapa Neda - Miño (26 km)
Almorzo. Traslado en autocar a Neda para continuar cara a Fene, lugar famoso polos seus estaleiros. A partir desta localidade a ruta ascende a través do monte cara ao bordo da estrada nacional. Percorreremos un treito en paralelo á devandita estrada e chegaremos a Cabanas, onde poderemos visitar a igrexa de San Martiño do Porto e a praia da Magdalena. Camiñaremos tranquilamente polo paseo marítimo e cruzaremos a ponte que dá acceso e nos deixa na preciosa localidade de Pontedeume. Desde aquí dirixirémonos a Breamo, Buiña, Viadeiro e Bañobre. Neste punto cruzaremos a ponte medieval sobre o río Baxoi e, tras uns poucos minutos, alcanzaremos as primeiras edificacións de Miño. A etapa finaliza en Miño, cruzando o río Baxoi por unha curiosa ponte medieval dun único ollo. Xantar en ruta ou no hotel, dependendo da planificación da xornada. Pola tarde, tempo libre para descansar ou pasear polo centro de Ferrol. Cea e aloxamento no hotel de Ferrol.
5 de xuño - Etapa Betanzos (10 km)
Almorzo. Traslado en autocar a Miño para iniciar a ruta. Con respecto á paisaxe, esta é a parte máis interesante do camiño xa que percorremos un territorio rural, montañoso e solitario, salpicado de pequenas aldeas dedicadas á gandaría. Sairemos de Miño pola rúa Real e, gozando dunha marabillosa paisaxe á beira do mar, chegaremos a Ponte de Porco e de aí ao fermoso templo de San Pantaleón das Viñas onde comezaremos un tramo empinado e perigoso que nos levará ata a localidade de Matacabalos e, máis tarde, a Souto. Superado este pequeno tramo, iniciaremos o descenso cara a Betanzos, con amplas panorámicas da ría e a zona de marisma que nos permitirá gozar do noso camiño ata chegar á fermosa Betanzos, á que accederemos a través dunha das portas conservadas da muralla medieval, atravesando o centro histórico ata a praza de García Hermanos, onde se atopa o Arquivo do Reino de Galicia. Tamén poderemos contemplar o santuario da Nosa Señora dos Remedios xunto con un dos cruceiros máis fermosos de Galicia. Xantar en ruta ou no hotel, dependendo da planificación da xornada. Pola tarde, tempo libre para descansar ou pasear polo centro de Ferrol. Cea e aloxamento no hotel de Ferrol.
6 de xuño - Etapa Mesón do Vento (24 km)
Almorzo. Para continuar a nosa ruta, sairemos do núcleo urbano de Betanzos pola rúa do Rolo e a ponte das Cascas. Continuaremos o noso camiño polos lugares do Coto, Campoeiro e Xanrozo, que se internan logo no termo de Abegondo. Unha vez alí, cruzaremos a ponte de Limiñón; tras un agradable paseo xunto ao río, e seguindo sempre cara adiante, cruzaremos a ponte de Presedo -onde poderemos gozar do templo de San Antonio de Cos-. Continuaremos en dirección a Francos, Bocelo e Vilardel. Unha vez cheguemos á Malata, pasados Monte, Fontela e Vizoño, o itinerario intérnase no monte ata chegar ao punto onde se unen as dúas variantes do camiño Inglés no municipio de Mesía, para chegar finalmente a Mesón do Vento. Xantar en ruta ou no hotel. Traslado ao hotel de Santiago de Compostela. Cea e aloxamento no hotel de Santiago.
7 de xuño - Etapa Mesón do Vento – Santa Cruz de Montaos (16 km)
Almorzo. A última parte do camiño avanza, en gran parte, por camiños rurais nunha contorna serena e con suaves desniveis. A etapa comeza en Bruma, desde onde avanzaremos cara ao municipio de Ordes. Pasaremos polo Seixo, Carreira, Mámoas e A Carballeira, empezando nese punto un tramo polo monte que conduce ao lugar da Rúa. Deixaremos atrás o muíño de Trabe e a ponte do Cubo, continuaremos cara a Outeiro de Abaixo onde tomaremos un sendeiro arborado que nos conducirá á igrexa de San Xulián de Poulo, en Outeiro de Arriba. Pasaremos A Senra e A Rúa, chegaremos a Carballo, atravesaremos o lugar de Casanova de Pereiro e cruzaremos a ponte de Ponte Pereira, de posible orixe medieval, moi próxima ao noso final de etapa en Santa Cruz de Montaos. Xantar en ruta ou no hotel. Traslado ao hotel de Santiago de Compostela. Cea e aloxamento no hotel de Santiago.
8 de xuño - Etapa Santa Cruz de Mondaos - Santiago de Compostela (24 km)
Almorzo. Comezaremos a nosa última etapa emprendendo ruta cara a Baxoia, que nos conducirá finalmente a Sigüeiro, no municipio de Oroso. Abandonaremos Sigüeiro pola rúa Real, afrontando esta situación colocándonos na berravía dereita da estrada e camiñando por un sendeiro de terra que discorre en paralelo á autoestrada Deste modo, chegaremos a Sionlla- desde onde poderemos ver Compostela-. A etapa discorre en paralelo ao río Tambre ata A Barciela, pasando polo polígono do Tambre cara a Meixonfrío e entrando no núcleo urbano de Santiago polo Cruceiro da Coruña. Desde aquí, camiñaremos polas zonas máis fermosas da cidade como Santa Clara, San Roque, Algalia e Acibechería ata atoparnos diante da magnífica catedral compostelá. Xantar en ruta ou no hotel. Cea e aloxamento no hotel de Santiago.
9 de xuño - Santiago de Compostela – Espazos +60
Almorzo. Tempo libre en Santiago ata o traslado de regreso aos Espazos +60.