Teatro EL CUIDADOR en Vigo
EL CUIDADOR
de Harold Pinter
1 h 45 min | Castelán | NRM 14
DIRECCIÓN
Antonio Simón
ELENCO
Joaquín Climent, Álex Barahona, Juan Díaz
PRODUTOR
Jesús Cimarro
«Unha obra de diálogos sensacionais, humor, intriga e suspense».
O humor e a ironía circulan con comodidade neste texto que bebe moito da portentosa tradición da comedia británica. Dunha maneira sutil e intrigante, a obra vai desvelando como detrás da risa e a actitude dos personaxes se descobre unha crítica lúcida e humana ao absurdo e crueis que poden chegar a ser as circunstancias e condicións da nosa existencia. O título fai referencia dunha maneira ambigua tanto á posibilidade de coidar outra persoa como á de coidar un piso. Os tres personaxes da obra tentarán coidarse e coidar a propiedade dunha maneira que vista desde fóra parece un desastre propio dunha comedia clásica en branco e negro dentro dunha película de intriga e suspense. Unha das preguntas que expón a obra é o papel da confianza no outro: En quen se pode confiar? Pódese vivir sen confiar no outro, na vida, etc.? Expón tamén o paradoxo da dificultade da comunicación. Ata que punto tentar conectar co outro implica esforzo, non sempre recompensado.
Un triángulo de personaxes humanos, azoutados pola crise, sobrevivientes, desacoplados: dous homes novos e un vello nun portentoso duelo dialéctico, dramático e cómico á vez, que necesita de tres grandes actores; co aliciente de ver a Joaquín Climent interpretando un dos grandes personaxes do teatro inglés do século XX: Davies, un rol traxicómico excelso. Rol interpretado por grandes do teatro inglés tales como Donald Pleasence, Patrick Stewart, Jonathan Pryce…
Unha adaptación que recrea os feitos en calquera cidade de hoxe do noso país, unha posta en escena chea de xogo e traballo actoral, chea de humor, sorpresas e moitos obxectos. Un teatro para gozar.
A acción desenvólvese nos nosos días, nunha cidade. Ao comezo vemos a Micke, o irmán menor, coidador do seu irmán maior Aston que ten unha leve discapacidade psíquica. Micke, só, medita, levántase, toma unha decisión e vaise. Máis adiante entenderemos que o que acontece a continuación xa se produciu no pasado temporal. Pinter utiliza moi sutilmente este mecanismo para aumentar a intriga e o suspense da obra. Aston chega á bufarda de Micke, acompañado de Davies, un vello desafiuzado, un aristócrata de intemperie, ofrécelle calor e un lugar para durmir, salvouno dun posible intento de agresión. Davies tentarase aproveitar do perfil inxenuo e bondadoso de Aston. Entre eles nace unha relación de compañeirismo, fálanse, escóitanse, máis ou menos, necesítanse. Aparecerá Micke, sempre protector coa fraxilidade do seu irmán, que o levou a pasar unha tempada nun psiquiátrico. Entre os tres prodúcense achegamentos, distanciamentos, intereses e manipulacións varias. Propón a Davies que quede na bufarda a cambio de converterse en porteiro. Davies irase medrando, ensinando as súas auténticas intencións. A acción volve ao presente, entendemos que o que vimos é o pasado e que Micke, ao comezo da obra tomou unha decisión. O que vemos a partir de agora é a realidade, ou é o que desexa que suceda? A obra conclúe co fortalecemento da relación entre os irmáns e a expulsión de Davies do fogar.