Concerto REAL FILHARMONÍA DE GALICIA en Vigo

Joana Carneiro, directora
María Hinojosa Montenegro, acordeón
………………………………………………………………………………………………
I
BENJAMIN BRITTEN (1913-1976)
Les Illuminations op. 18
Fanfare: Maestoso (poco presto)
Villes: Allegro energico
Phrase: Lento ed estatico
Antique: Allegretto; un poco mosso
Royauté: Allegro maestoso
Marine: Allegro con brio
Interlude: Moderato ma comodo
Being Beauteous: Lento ma comodo
Parade: Alla marcia
Départ: Largo mesto
II
GUSTAV MAHLER (1860-1911)
Sinfonía núm. 4 en Sol maior
Bedächtig; nicht eilen
In gemächlicher Bewegung; ohne Hast
Ruhevoll
Sehr behaglich
Duración aproximada do concerto: 100 minutos (con pausa)
Pregámoslle ao público que non faga fotografías e que
desconecte os teléfonos móbiles, reloxos, etc.
REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
A Real Filharmonía de Galicia créase no ano 1996 en Santiago de Compostela, e ten a
súa sede permanente no Auditorio de Galicia, na cidade de Santiago de Compostela. Está
formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes. Baldur Brönnimann é,
desde xaneiro de 2023, o seu director titular e artístico; Maximino Zumalave o seu director
asociado e Joana Carneiro a principal directora invitada. Coa orquestra colaboran os máis
destacados directores, cantantes e instrumentistas de todo o mundo.
A RFG está comprometida en achegar a música clásica a todo o territorio galego, aos
públicos máis novos e destaca, ademais, o seu compromiso co patrimonio musical galego.
Xestionada polo Consorcio de Santiago, a RFG está financiada pola Administración Xeral
do Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.
VIOLÍNS I
James Dahlgren, concertino
Adriana Winkler, axuda de concertino
Anca Smeu **
Michal Ryczel
Ilya Fisher
Yulia Petrushevskaya
Claudio Guridi
Anna Alexandrova
Victoria Jurov
Celia Montáñez ***
Ana Lasaosa ***
VIOLÍNS II
Grigori Nedobora *
Nikolay Velikov **
Samira Ajkic
Irina Gruia
Enrique Roca
Gyula Vadaszi
Kiyoko Ohashi
Helena Sengelow
Daniel Rodríguez ***
Ramón Rodríguez-Peña ***
Juan Pablo Calderón ***
VIOLAS
Tilmann Kircher *
Natalia Madison **
Ionela Ciobotaru
Timur Sadykov
Anne Schlossmacher
Iriana Fernández
Fernando Fresno ***
VIOLONCELLOS
Plamen Velev *
Barbara Switalska **
Manuel Lorenzo
Millán Abeledo
Thomas Piel
Carlos García
Iryna Morozova ***
CONTRABAIXOS
Carlos Méndez *
Alfonso Morán **
Amador del Pozo
Pablo Rincón ***
FRAUTAS
Laurent Blaiteau *
Carmen Ferreiro (R)
Laura Lorenzo (R)
Carlos Cascales ***
ÓBOES
Esther Viúdez *
Avelino Ferreira (R)
Rosalba Olivares ***
CLARINETES
Vicente López *
Bernardino Assunçao (R)
Miguel Peñarroja ***
FAGOTES
Juan Carlos Otero *
Manuel Veiga **
Belén Carril ***
TROMPAS
Jordi Ortega *
Xavier Ramón **
Alfredo Varela *
Joan García ***
TROMPETAS
Javier Simó *
Ramón Llátser **
Carlos López ***
TIMBAL
José Vicente Faus *
PERCUSIÓN
Darío González (R)
Juan A. Vázquez (R)
Marta Prado (R)
Gonzalo Otero ***
ARPA
Bleuenn Le Friec (R)
* principal
** coprincipal
*** EAEM (Curso Avanzado de Especialización Orquestral)
(R) reforzo
JOANA CARNEIRO, directora
A aclamada directora portuguesa Joana Carneiro é a principal directora convidada da Real Filharmonía de Galicia. É ademais a directora principal da Orquestra Sinfónica Portuguesa no Teatro São Carlos de Lisboa e directora artística do Estágio Gulbenkian para Orquestra desde 2013. De 2009 a 2018 foi directora musical da Sinfónica de Berkeley, sucedendo a Kent Nagano como a terceira directora musical nos 40 anos de historia da formación. De 2006 a 2018 foi directora convidada da Orquestra Gulbenkian.
Compromisos recentes e futuros inclúen actuacións coa Sinfónica da BBC, Philharmonia, Sinfónica de Gotemburgo, Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Real Filharmónica de Estocolmo (a quen dirixiu na cerimonia do Premio Nobel en 2017), Sinfónica da Radio Sueca, Orquestra de Cámara Escocesa, Orquestra do Centro Nacional das Artes de Ottawa e a Sinfónica Escocesa da BBC.
Ten dirixido a Real Filharmónica de Liverpool, Royal Philharmonic Orchestra, Filharmónica de Radio Francia, Ensemble Orchestral de París, Orquestra de Bretaña, Sinfónica de Norrköping, Orquestra de Norrlands, Orquestra da Residencia da Haia, Filharmonía de Praga, Sinfónica de Malmö, Orquesta Nacional de España e a Sinfónica do Teatro La Fenice na Bienal de Venecia; así como a Filharmónica de Hong Kong, Orquestra de Cámara de Macao e a Orquestra de Beijing no Festival Internacional de Música de Macao. En América dirixiu a Filharmónica de Los Ángeles, Sinfónica de Toronto, Orquestra de Cámara de St. Paul, Sinfónica de Detroit, Sinfónica de Colorado, Sinfónica de Indianápolis, Orquestra de Cámara de Los Ángeles, Sinfónica del Nuevo Mundo e a Sinfónica do Estado de São Paulo.
En ópera, proxectos recentes inclúen Nixon en China (Ópera Escocesa, produción nomeada aos Premios da Royal Philharmonic Society), Castelo de Barba Azul / Voix Humaine, Rake´s Progress (Teatro Nacional de São Carlos, Lisboa), Carmen (Real Ópera de Estocolmo), Wonderful Town (Real Ópera Danesa), O evanxeo segundo a outra María (Ópera Nacional Inglesa, estrea mundial da produción escénica de Peter Sellars), A paixón de Simón (Festival Ojai), Edipo Rei (Sidney, Premio Helpmann de Australia ao Mellor Concerto da Orquestra Sinfónica) e A Flowering Tree (Viena, París, Chicago, Cincinnati, Gotemburgo, Lisboa).
En 2010 dirixiu postas en escena de Peter Sellars de Edipo Rei e a Sinfonía dos Salmos de Stravinski no Festival de Sidney, que gañou o Premio Helpmann de Australia ao Mellor Concerto de Orquestra Sinfónica. Dirixiu un proxecto vencellado ao Festival de Nova Zelandia en 2011 e, como resultado, foi convidada a traballar coas Orquestras Sinfónicas de Sidney e Nova Zelandia.
En 2002 foi finalista do prestixioso concurso de directores Maazel-Vilar no Carnegie Hall. En 2003-2004 traballou cos mestres Kurt Masur e Christoph von Dohnanyi e dirixiu a Filharmónica de Londres como un dos tres directores elixidos para a Academia Internacional de Directores da Fundación Cultural Allianz de Londres. De 2002 a 2005 foi Directora Asistente da Orquestra de Cámara de Los Ángeles e Directora Musical da Orquestra da Fundación Xoves Músicos de Los Ángeles. De 2005 a 2008 foi membro da American Symphony Orchestra League na Filharmónica de Los Ángeles, onde traballou con Esa-Pekka Salonen e dirixiu varias actuacións no Walt Disney Concert Hall e no Hollywood Bowl.
Natural de Lisboa, comezou a súa formación musical como viola antes de recibir o seu título de directora da Academia Nacional Superior de Orquestra en Lisboa, onde estudou con Jean-Marc Burfin. Recibiu o seu mestrado en dirección de orquestra da Northwestern University como alumna de Victor Yampolsky e Mallory Thompson.
Realizou estudos de doutoramento na Universidade de Michigan, onde se formou con Kenneth Kiesler. Ten participado en clases maxistrais con Gustav Meier, Michael Tilson Thomas, Larry Rachleff, Jean Sebastian Bereau, Roberto Benzi e Pascal Rophe.
En 2010 recibiu o Premio Helen M. Thompson, outorgado pola League of American Orchestras e que recoñece a prometedores directores. En 2004 foi condecorada polo presidente da República Portuguesa coa Encomenda da Orde do Infante Don Henrique.
PROGRAMA DE MAN
O máis influente dos representantes do eclecticismo moderno inglés de mediados de século foi Benjamin Britten. A súa creación, no seu inspirador Henry Purcell e na utilización de formas e linguaxes adquiridas da tradición, non se inscribe na estética neoclásica europeísta da época, senón que depende da capacidade de aproveitar as oportunidades que a linguaxe musical ofrece. O compositor inglés ten unha visión poética do mundo similar á do romántico Schumann, na que os ritmos internos das palabras e os valores semánticos quedan citados sutilmente na música, que expresa o sentido interno e psicolóxico do argumento. En opinión de moitas das persoas estudosas da obra de Britten, os seus máis fondos conflitos persoais fíltranse na singular obra para voz e orquestra Les Illuminations op.18, exquisitas miniaturas nas que rende homenaxe aos sons e cores da música. A música desenvólvese coa idea de accesibilidade, foxe do concepto de ocultación que envolvía as vangardas atonais do século XX e procura un resultado que poida satisfacer profesionais e afeccionados, á vez que a si mesmo. A partitura de Les Illuminations foi concibida durante a súa estadía en Estados Unidos e completada en outubro de 1939. Durante esta etapa, chamada «época escura», a música de Britten reflicte a confusión emocional na que se atopa inmerso tralo seu voluntario exilio americano, fuxindo do crecente fascismo que ameazaba Europa. Resulta, neste sentido, moi significativa a elección dos textos de Jean-Arthur Rimbaud, o máis rebelde dos «poetas malditos», cunha linguaxe simbolista levada ao extremo. Les Illuminations é unha colección de poemas en prosa, inconexos, que describen visións, suxestións, ata pequenos desvaríos. Sobre este texto cargado de símbolos, que desafía, sen dúbida, a fácil compresión, o compositor desprega toda a súa orquestración efectista. A harmonía céntrase nas tríadas maiores de si e mi, dando como resultado esa sensación de hilaridade e confusión que se presenta desde a Fanfare do comezo. Outro xesto irónico atópase ao final de Phrase, cando a voz alcanza o si agudo en et je dance, a modo de exclamación. Nun xogo alegre e desvergonzado, Britten dedícalle esta controvertida parte a Scherchen, músico especialista en compositores do século XX. A relación de case corenta anos do compositor co tenor Peter Pears deu como resultado algunhas das pezas vocais máis extraordinarias e importantes do século pasado, e foi a el a quen lle dedicou o sublime e suxerinte movemento Being beauteous, constituíndo así unha pública declaración de amor. A crítica á sociedade de falsa moral faise manifesta na selección de versos como Parade ou Royaute, pero todo o texto de Rimbaud, simbólico en si mesmo, atopa deste xeito outra dimensión outorgada polo propio autor, acusado nesta obra de atopar solucións musicais a problemas persoais. A música acompaña en todo momento os versos, en ocasións dun modo case descritivo, coma en Marine ou mesmo, no citado Being beauteous («asubíos de morte e círculos de música xorda»).
Gustav Mahler era o segundo dos fillos dunha familia numerosa xudía, sen tradición musical, e viu falecer a seis dos seus irmáns, o que deixa unha fonda pegada no seu feble ánimo e engade un desacougo vital ao seu sentimento apátrida, tal e como escribiu: «…como bohemio en Austria, como austríaco en Alemaña e como hebreo no mundo». Preto dos vinte anos, tras estudar con Bruckner, foi proposto para a dirección en Bad Hall (Austria) e, desde ese momento, chegaron ofertas de Praga, Leipzig, Budapest ou Hamburgo, ata que en 1897 (ano da súa conversión ao catolicismo) foi nomeado director da Ópera de Viena. Cando comezou a traballar na Cuarta Sinfonía en 1899, Mahler xa levaba dous anos ocupando ese posto que tanto desexara, redescubriu Viena coma a súa cidade adoptiva e foi admirado por convertela en centro referente musical de Europa. Desde esa perspectiva, parece recoñecible a pegada que a capital austríaca deixou nesta sinfonía co seu lirismo pastoril e o seu desenfado; unha peza case completamente optimista e leda, pero non esa ledicia feroz e triunfante que pecha a Segunda Sinfonía, nin a exaltación que remata a Terceira. Esta está impregnada dunha alegría sinxela e infantil, que acada a súa expresión máis pura na canción do cuarto movemento. Faise necesario lembrar que nesta Cuarta Sinfonía, coma na Segunda e na Terceira, a voz humana está integrada no tecido orquestral; música vocal que desaparecerá nas seguintes obras sinfónicas. Nestas sinfonías, coñecidas como Sinfonías Wunderhorn, Mahler traballa sobre máis de vinte composicións que fixo sobre Des Knaben Wunderhorn (O corno máxico da xuventude), unha recompilación de poemas populares alemáns, realizada polos poetas Achim von Arnim e Clemens Brentano no inicio do século XIX. Estes textos cheos de referencias ao amor, á natureza, á infancia, á xuventude, ao humor, á piedade, á ledicia, etc. parecen recoller todo o que conmovía a Mahler, véndoos como símbolos de eventos da súa propia vida; e neles está a orixe desta Sinfonía núm. 4, pois os seus tres primeiros movementos foron escritos entre 1899 e 1900 para completar unha versión orquestral, de 1892, do poema Das himmlische Leben (A vida celestial). Orixinalmente, era unha canción para soprano e orquestra que, en 1896, incluíu como sétimo movemento da Sinfonía núm. 3, abandonou a idea e levouno ao final da Cuarta e, segundo o propio compositor, os tres primeiros movementos serven como preparación para esta canción. O movemento de abertura, en forma de sonata tradicional complexa, presenta unha asombrosa claridade na orquestración nunha cadea de boas melodías a través de dúas ideas principais, unha máis melodiosa introducida polas cordas e outra máis sonora e fluída liderada polos violonchelos. Unha sombra cérnese sobre o segundo movemento, unha especie de scherzo a ritmo de ländler, co violín afinado máis alto para «evocar o son dun violín de rúa, interpretando unha horrorosa danza da morte» segundo o compositor. Co terceiro movemento chega á esencia da música de Mahler, serena, seria e fonda, e el mesmo sinalaba que este movemento «ri e chora ao mesmo tempo», xa que ao tema de abertura, inmóbil e meditativo co seu passacaglia, ségueno un segundo tema de carácter abertamente angustiado e dous grupos distintos de variacións sobre o tema principal. A coda anuncia o motivo principal do movemento final, a súa repentina modulación desencadea o único tutti xenuinamente forte da sinfonía e abre as portas do, quizais, único paraíso accesible aos vivos: a inxenuidade da infancia e a música popular. Mahler, no último movemento, confía a visión á soprano a quen lle pide «unha expresión alegre e infantil, desprovista de actuación»; unha fermosa e sinxela composición, rica en invención melódica, cunha luminosa e radiante coda, que convence de que a música terreal non pode compararse ás esferas edénicas, un final que podería amosar que persoas coma Mahler, que aceptan de bo grao frustracións, desamores, dúbidas e traxedias da condición humana, poden gozar nun plano celestial.