Concerto REAL FILHARMONÍA DE GALICIA en Vigo
Director | Marc-Leroy Calatayud
Soprano | Natalia Labourdette. Gañadora do Concurso de Canto da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela 2021
Duración aprox. 1 h 30 min (con pausa)
A NOITE E O AMOR
I
AUGUSTA HOLMÈS (1847-1903)
Ludus pro patria, la Nuit et l’Amour
ALBAN BERG (1885-1935)
Sieben frühe Lieder (Sete primeiras cancións)
Nacht (Noite)
Schilflied (Canción entre os xuncos)
Die Nachtigall (O reiseñor)
Traumgekrönt (Coroado en soños)
Im Zimmer (Interior)
Liebesode (Oda ao amor)
Sommertage (Días de verán)
AUGUSTA HOLMÈS (1847-1903)
Le désir, A Trianon, En Chemin. Orquestración Carme Rodríguez*
II
JOHANNES BRAHMS (1833-1897)
Sinfonía núm. 3 en fa maior, op. 90
Allegro con brio
Andante
Poco allegretto
Allegro
*Encarga RFG. Estrea absoluta.
NOTAS AO CONCERTO
Entre 1901 e 1908, Alban Berg compuxo arredor de 150 cancións e pezas para voz e piano, o que podía representar unha especie de alianza dos seus dous grandes amores da adolescencia, a literatura e a música. A canción, naquel momento, permitíalle a liberdade de xogar a ser un poeta musical, ata que en outubro de 1904 se converte en alumno de Arnold Schoenberg, ao que chegou a través do seu irmán Charly (pianista profesional) quen viu un anuncio na prensa vienesa que ofertaba cursos de teoría musical «para profesionais e afeccionados serios (harmonía e contrapunto)...». Charly mostrou algunhas das cancións de Berg a Schoenberg, quen recoñeceu o talento, malia as obvias limitacións musicais do rapaz, e admitiuno como pupilo ata 1908 coa finalización da Sonata para piano op. 1. A admiración e dedicación de Berg, así como a dependencia crítica do seu mestre/ amigo foi eterna e o seu estilo maduro mesturou de xeito único a rigorosa variación e os aspectos contrapuntísticos do serialismo con suxestións dun ritmo tonal herdado. En 1928, Berg reuniu sete das cancións ‒sobre textos de Hauptmann, Lenau, Storm, Rilke, Schlaf, Hartleben e Hohenberg‒ compostas durante o período que estudou con Schoenberg, entre 1905 e 1908, e orquestrounas mentres comezaba a traballar na súa ópera Lulu, baixo o título Sete cancións temperás. A estrutura harmónica e melódica de Nacht evoca a frase inicial «O crepúsculo flota sobre a noite do val, a néboa asoma...». A orquestración transparente de Schilflied crea unha atmosfera misteriosa e nostálxica, mentres que as cordas divididas de Die Nachtigall dan unha profundidade brahmsiana a unha estrutura tradicional. Traumgekrönt ofrece un escenario contrapuntístico, mentres que Im Zimmer é notable polo uso irónico de instrumentos de vento para artellar un ambiente interior. Liebesode coa súa escrita contrapuntística, orquestración en capas, a liña vocal cromaticamente inflexionada, parece render homenaxe ao mestre de Berg, Schoenberg. Sommertage leva o ciclo a un clímax romántico completo co choque de pratos na última sílaba do texto e o acorde menor sostido final.
De orixe irlandesa, Augusta Holmès naceu en París e foi unha nena prodixio que con cinco anos daba concertos, interpretando pequenas obras propias. A pesar das súas calidades, non se lle permitiu estudar no Conservatorio, mais recibiu clases coa pianista parisiense Mademoiselle Peyronnet; co organista da catedral de Versalles, Henri Lambert; co compositor Hvacinthe Klosé e co que ela considerou o seu auténtico mestre, Cesar Frank. Holmès combinou encanto e talento e mostrou enerxía e determinación, permitíndolle paulatinamente facerse un oco no mundo da música. Foi quen de rexeitar os códigos establecidos na sociedade da época, guiándose polas súas conviccións e polos seus instintos, polo que resultaba inclasificable e demasiado independente para encaixar en calquera estamento ou corrente. Froito da aprendizaxe con Frank, destacou coa súa sinfonía Orlando furioso (1877) e con outra obra, tamén sinfónica, Os Argonautas (1881). En 1882, publica Les sept Ivresses, un ciclo de sete cancións sobre textos da propia compositora que representan diferentes estados embriagantes: O amor, O viño, A gloria, O odio, O soño, O ouro, e O desexo, unha peza rica en contrastes dinámicos e de tempo que describe o anhelo da alma. En 1888 presentou con éxito, na Société des Concerts du Conservatoire de París, a ópera Ludus Pro Patria (Xogos patrióticos) inspirada no cadro do mesmo nome do artista Pierre Puvis de Chavannes. Ademais dos textos de moitas das súas obras vocais, tamén escribiu oratorios ou o libreto da ópera La montagne noire estreada en París con grande éxito de público, malia as críticas que afirmaban que un teatro non podía abrirse ás mulleres compositoras (coma outras colegas do século XIX, Holmès ten publicadas obras co pseudónimo masculino Hermann Zenta). Pola contra, Liszt e Wagner expresaron a súa admiración polas cancións da compositora. Liszt chegou a dicir delas que eran tan boas coma as de Schubert, entre elas as orquestradas para este programa por Carme Rodríguez. A Trianon (1896) alterna unha sección lenta e solemne para representar a maxestade do Pazo de Trianon, residencia de verán da realeza francesa, e outras máis rítmicas suxestivas da atmosfera de festa nos xardíns do pazo, e En chemin (1899) describe a separación dunha parella nun camiño, e musicalmente destaca pola súa emotividade e a intensidade coa que a voz solista expresa os sentimentos.
Brahms admiraba os modelos sinfónicos de Haydn, adoraba a sinxeleza e beleza da música de Mozart e estudou con vehemencia a obra de Bach. O compositor estaba fascinado pola música de Beethoven e o seu sentido do desenvolvemento e da estrutura psicolóxica e monumental. Apreciaba de Schubert o seu apego polas melodías populares, e de Schumann, o seu lirismo e o sentido do heroísmo cabaleiresco. As composicións de Brahms manifestan un equilibrio entre a súa natureza romántica e a preocupación por deseñar as obras seguindo unha arquitectura tradicional e, aínda que algúns compositores coetáneos tacharon a súa música de excesivamente académica e representaba para eles o exemplo dun continuísmo coa tradición clásica e da primeira xeración dos románticos, ao mesmo tempo, foi un innovador, rexeitando o uso superfluo de cromatismos e creando novos métodos de harmonización e de escritura de melodías, cunha visión da forma musical moi orixinal e cun resultado cheo de emoción. En 1883, Brahms retírase a Wiesbaden, Renania, onde encontra o ambiente perfecto para compoñer, e alí, durante o verán, nun momento vital e creativo pletórico, remata a súa Terceira Sinfonía que se estrea en decembro, no Musikverein, coa Filharmónica de Viena baixo a batuta de Hans Richter, quen se refería a ela como a Heroica de Brahms (aludindo á Sinfonía núm. 3 de Beethoven). As catro sinfonías do compositor de Hamburgo poderían describirse como distintas caras dun mesmo mestre con gran dominio do oficio, sendo esta Terceira unha obra rica e complexa, a máis lírica e introspectiva, aínda que a menos rigorosa formalmente. A estrutura formal, a disposición harmónica e a relación temática converxen cara a un criterio unitario que percorre esta sinfonía por nexos moi sutís. Os catro movementos baséanse na forma sonata, pero moldeada con liberdade e fantasía. A dinámica da peza móvese arredor do piano, salvo en certas pasaxes dos movementos extremos que aparecen como música arrebatada, cargada de emoción. Se no Allegro destaca a beleza melódica do terceiro tema en mans do clarinete, no segundo volve unha referencia na melodía dos violíns que ocupa a última parte do movemento. Os dous movementos centrais, que case son música de cámara, presentan un carácter máis íntimo; reflexivo o segundo, mentres que o terceiro, escrito en forma tripartita, inclúe a máis célebre melodía brahmsiana interpretada polos violonchelos. No final destaca a sombría introdución nas cordas, o tema coral e o desencadeamento rítmico do episodio central, e unha coda que disolve a tensión, expón novamente o coral e desemboca nesa apracible atmosfera que impón Brahms.