Concerto REAL FILHARMONÍA DE GALICIA en Vigo

Colle xa as túas entradas en Ataquilla.com para asistires a este concerto coa Real Filharmonía de Galicia, dirixida pola directora Rita Castro Blanco. O 26 de xaneiro en Vigo.
Este recital é parte da programación da Tempada de Abonos de Clásica Afundación 2024, coa que desfrutar de todos os concertos de clásica no Teatro Afundación de Vigo ata o mes de xuño e a un prezo reducido.
Esta tempada enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, un programa lanzado en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír a través de doazóns a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia. Convidámosvos a todas as persoas que asistades ás funcións a colaborardes coa nosa campaña solidaria, achegando produtos non perecedoiros que se poderán depositar á entrada do teatro.
Directora Rita Castro Blanco
PERCORRENDO A FELICIDADE
I
WOLFGANG AMADEUS MOZART (1756-1791)
Abertura de «As vodas de Fígaro», KV. 492
ARTHUR HONEGGER (1892-1955)
Pastorale d’été, H.31
BOHUSLAV MARTINU (1890-1959)
Toccata e due canzoni, H. 311
Toccata: Allegro moderato
Canzone núm. 1: Andante moderato
Canzone núm. 2: Allegro (poco); Adagio
II
WOLFGANG AMADEUS MOZART (1756-1791)
Sinfonía núm. 38 «Praga», K. 504
Adagio - Allegro
Andante
Presto
*Coa participación do alumnado da EAEM
NOTAS AO CONCERTO
WOLFGANG AMADEUS MOZART (1756-1791)
Abertura de As vodas de Fígaro
A relación entre Mozart e o libretista Lorenzo Da Ponte, unha das máis produtivas de toda a historia da ópera, comezou cando o italiano chegou a Viena para exercer como poeta oficial da corte do emperador Joseph II, sucedendo a Pietro Metastasio. Antes de traballar con Antonio Salieri e Vicente Martín y Soler, en 1785 recibiu a encarga, por parte do salzburgués, de escribir un texto sobre a comedia de Pierre-Augustin de Beaumarchais Le mariage de Figaro, moi popular daquela nos círculos artísticos europeos. Se ben a súa carreira estaba a atravesar un gran momento, Mozart quería regresar ao xénero buffo, que non cultivaba desde dez anos antes con La finta giardiniera, pois acreditaba en que era o que máis éxitos lle podía proporcionar a un autor. Posteriormente, a colaboración de ambos os dous continuaría coas extraordinarias Don Giovanni (1787) e Così fan tutte (1790), rematando cando Da Ponte abandonou Austria tras a morte do kaiser.
A ópera, en catro actos, estreouse no Burgtheater de Viena o 1 de maio de 1786. Aínda que a acción da comedia se sitúa en Sevilla, non ten máis vencellos musicais con Andalucía que a inclusión dun fandango que Gluck utilizara no ballet Don Juan. A abertura, en re menor, non utiliza ningún dos temas que logo aparecerán na ópera, seguindo o costume de Mozart nas súas creacións adultas. É unha peza breve e brillante que anticipa algunhas das características da obra: o enxeño melódico, a alegría e vivacidade e o sentido do humor.
ARTHUR HONEGGER (1892-1955)
Pastorale d’été, H. 31
A comezos de 1920, seis compositores novos formaron en París un grupo chamado Les Six aproveitando os alicerces da agrupación ata entón coñecida como Les Nouveaux Jeunes e na que tamén participaba Erik Satie. Os seus membros eran Georges Auric, Louis Durey, Arthur Honegger, Darius Milhaud, Francis Poulenc e Germaine Tailleferre e contaban coa dirección do polifacético Jean Cocteau. Tratábase dunha alianza moi heterodoxa cuns postulados musicais que se afastaban do impresionismo e rexeitaban sobre todo o dominio, daquela exercido polas producións de Beethoven e Wagner. Honegger nacera en Francia, mais a familia era suíza; se cadra iso axudou a que a súa música se diferenciase da alegría e despreocupación representativas dos seus colegas. Tras escribir varias óperas de mocidade, todas inéditas, nas décadas de 1920 e 1930 destacou ao compoñer varios poemas sinfónicos curtos e obras evocadoras de estados de ánimo.
Durante as vacacións estivais de 1920, inspirado polas paisaxes alpinas da localidade suíza de Wengen, escribiu Pastoral de verán, a súa primeira obra orquestral importante. A estrea tivo lugar na Salle Gaveau de París o 17 de febreiro de 1921, con Vladimir Golschmann á batuta da súa orquestra. Trátase dun poema sinfónico para conxunto de corda, ventos madeira a un e trompa, cuxa partitura está encabezada por unha cita do poeta Arthur Rimbaud: «abracei o amencer de verán». Sen chegar a evocar imaxes literais, consegue suxerir a atmosfera do abrente grazas ás figuras flutuantes das cordas, que abren a peza e que serven de base a unha melodía reflexiva da trompa e outra do óboe. A sección central é animada e moi colorida, mais logo reaparece a natureza pastoral e apracible do inicio.
BOHUSLAV MARTINŮ (1890-1959)
Toccata e due canzoni, H. 311
Logo de principiar a formación musical na súa Bohemia natal, Martinů foi admitido no Conservatorio de Praga, onde non tivo un paso nada brillante. Continuou os estudos por libre, tendo como mestre, entre outros, a Josef Suk, e foi violinista da Orquestra Filharmónica Checa. En 1923 trasladouse a París, comezando un período de dezasete anos que incluíu estudos con Albert Roussel. Nesa época, abandonou o estilo romántico que utilizara nos primeiros tempos como compositor, mais non se introduciu no xénero sinfónico ata que a invasión nazi de Checoslovaquia e Francia o obrigou a establecerse nos Estados Unidos. Cando rematou a Segunda Guerra Mundial, tivo a intención de regresar ao seu país, pero nunca o puido facer debido a fortes discrepancias ideolóxicas co daquela ministro, o musicólogo Zdeněk Nejedlý.
En 1946, en Massachusetts, comezou a traballar na Toccata e due canzoni. Pretendía que fose unha peza lixeira e optimista, retomando a orientación neoclásica que lle outorgara importantes éxitos en anos anteriores, «un regreso a emocións menos obvias, con menos ruído e moita máis música en forma condensada», mais o seu estado anímico e uns serios problemas de saúde motivados por un accidente, conducírono a completar unha obra ben distinta do proxectado. A Toccata, na que xoga un papel fundamental o piano, ten un ritmo persistente a xeito de moto perpetuo e un ambiente tenso, non exento de lirismo. A primeira canzona, solemne e maxestosa, fai un rico uso da polifonía e baséase nun sinxelo motivo de sete notas que é anunciado polo piano. No entanto, a segunda contrasta coa anterior ao comezar de forma agresiva e disonante, aínda que logo vai evoluíndo cara a pasaxes máis melódicas e melancólicas e remata de maneira luminosa na tonalidade de re maior.
WOLFGANG AMADEUS MOZART (1756-1791)
Sinfonía nº 38 en re maior, K. 504 «Praga»
Logo dunha exitosa presentación en sociedade, o entusiasmo do público vienés por As vodas de Fígaro decaeu e a ópera apenas se representou sete veces máis. En decembro do mesmo ano, organizouse a estrea en Praga, onde se desatou un entusiasmo tal que animou o matrimonio Mozart a se desprazar á capital de Bohemia para vivíreno de primeira man. Alí, chegaron o 11 de xaneiro de 1787 e o compositor aproveitou a viaxe para ofrecer dous concertos. O primeiro deles celebrouse o día 19 no Teatro Nacional, e unha das obras que incorporou ao programa foi unha sinfonía que el mesmo datara o 6 de decembro do ano anterior ―se cadra coa idea de dala a coñecer nunha viaxe que tiña previsto facer a Inglaterra e que se frustrou―, mais que aínda non se interpretara.
A diferenza do habitual, esta sinfonía ten só tres movementos, xa que prescinde de minueto ou scherzo. Non inclúe clarinetes, polo que o resto dos instrumentos de vento madeira asomen o reto de expoñeren e replicaren boa parte dos temas. Outro trazo pouco común é a existencia dunha introdución lenta bastante extensa que dá paso ao complexo Allegro, dunha riqueza contrapuntística que Mozart reservara ata entón á música de cámara. O peso das melodías é moi destacable, tanto, que remite a algunhas das súas óperas máis destacadas, en especial A frauta máxica. O Andante central, en forma sonata, fai contrastar un primeiro motivo lírico e profundo con outro no que predomina a tensión. O remate desta obra mestra chega cun Presto moi animado e con gran protagonismo da frauta, que lembra As vodas de Fígaro. O feito de que o carácter sexa máis bulideiro do acostumado, non impide detectar que detrás da aparente alegría aínda se agocha a ameaza da escuridade.
Sociedad Filarmónica de Vigo – M. Fernández